
No pleno realizado o 4 de marzo, o Concello da Rúa aprobaba por unha nimiedade a moción presentada polo BNG na que se solicitará á Xunta de Galicia, na parte que lle corresponde, o financiamento íntegro de tres servizos da área de benestar social.
Nesta ocasión, o 20 de marzo, Bernardo Varela e María Mangana deputados do grupo provincial do BNG, xunto ao alcalde de Vilar de Barrio, Manolo Conde; a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; a alcaldesa da Rúa, María G. Albert e os deputados nacionalistas Noa Presas e Iago Tabarés, compareceron en rolda de prensa para denunciar o financiamento impropio que asumen os concellos de servizos públicos que son de competencia non municipal.
«Este é un tema central que supón un detraemento impropio e moi e importante de fondos municipais e sobre todo un abuso por parte da Xunta de Galiza e o Estado», sinalaba o voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela.
Neste sentido o voceiro do BNG no ente provincial anunciaba o traslado á vindeira sesión plenaria da Deputación de Ourense dunha moción na que se recolle a demanda para que a Xunta de Galiza e o Estado asuman o financiamento integro, por exemplo, do Servizo de Axuda no Fogar. Especialmente, os Centros de Día e as Galiñas Azuis.
«Isto suponnos un gasto no noso orzamento municipal, que dificulta que sexamos capaces de atender aquelas competencias que nos son propias», explica María G. Albert, alcaldesa da Rúa.
Desde a organización nacionalista púxose algún exemplo, como o do SAF, no que cada concello é financiado con 12 euros por hora o que non cubre os 24 euros que custa este servizo, nin as problemáticas que xorden neste servizo, como son as baixas.