martes. 24.06.2025

A Xunta recibe 8 ofertas para executar a reforma da UCI do CHUO

As obras desenvolveranse no mesmo núcleo do hospital,  onde se sitúan as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación. A UCI triplicará o seu espazo actual, nunha actuación que conta cunha licitación de 9.441.868 euros

A Xunta recibe 8 ofertas para executar a reforma da UCI do CHUO

A Xunta de Galicia vén de recibir un total de 8 ofertas para executar as obras da reforma da Unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital universitario de Ourense. A actuación conta cunha licitación de 9.441.868 euros, e o seu prazo de execución establécese en 21 meses.

O Hospital universitario de Ourense renovará e triplicará o espazo actual da súa Unidade de coidados intensivos, ampliando as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal. Así, levarase a cabo unha adaptación de espazos para a  implantación de tres módulos da UCI, cos seus correspondentes espazos asistenciais e administrativos de apoio.

Con esta obra, adecúanse os requirimentos estruturais da UCI referidos á dimensión dos postos, á configuración dos espazos e á climatización e conservación, de xeito que permita á atención aos pacientes críticos con necesidades de ingreso, cumprindo tanto a normativa vixente como a específica relativa ao control da pandemia da covid-19.

As obras desenvolveranse no mesmo núcleo do hospital,  onde se sitúan as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación. Estes dous servizos son os que precisamente se coordinaron e compartiron espazos para facer fronte á demanda asistencial durante a pandemia. Para isto, foi preciso unha complexa reordenación dos espazos, tanto das unidades de críticos como do bloque cirúrxico, que deberon intercambiar áreas e trasladar parte da súa actividade.

Á complexidade de execución da obra por mor do seu emprazamento, engádese a da súa funcionalidade, para doentes críticos en xeral, incluindo pacientes contaxiosos, sendo ademais das máis esixentes tecnicamente, xa que deberá incluir unha especial climatización, illada da do resto dos hospital, e actuar nas fachadas, intervindo en dous edificacións neste intre separadas.

A Xunta recibe 8 ofertas para executar a reforma da UCI do CHUO