A Xunta garante alimentación ao gando e restablece a atención sanitaria en Ourense tras os incendios
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desprazouse a Chandrexa de Queixa, onde participou no reparto de penso a unha explotación afectada polas lapas. Rueda explicou que moitos gandeiros quedaron sen pastos nin provisións e asegurou que o Goberno galego cubrirá o alimento do gando desde o pasado sábado, asumindo todos os custos.
«Queremos dar apoio económico a un sector que lle dá valor ao monte e sostén a vida no rural», subliñou o presidente, quen instou aos gandeiros a poñerse en contacto cos seus concellos para trasladar as necesidades á Xunta. O plan inclúe tamén un paquete de axudas que se aprobará a próxima semana para compensar os gastos derivados da perda de alimentación animal. Actualmente hai seis puntos de recollida habilitados en Ourense, que se ampliarán a oito nos próximos días.
En paralelo, a Consellería de Sanidade confirmou que desde mañá mércoles restablecerase a asistencia sanitaria en todos os centros de saúde da provincia grazas ao despregamento de 14 antenas satélite Starlink e 80 quilómetros de fibra óptica. Estas infraestruturas permitiron recuperar as comunicacións tras a destrución da rede eléctrica e de telecomunicacións polas chamas.
Durante os dous últimos días, a Xunta reorganizou a asistencia concentrando a atención médica nas cabeceiras de comarca e mantendo o servizo de enfermería en todos os centros, o que garantiu a cobertura á poboación. Ademais, mobilizáronse catro unidades móbiles para reforzar a cobertura de telefonía, cinco unidades de conectividade satelital e catro grupos electróxenos para asegurar a estabilidade enerxética.
O operativo contou coa participación de 57 traballadores de Telefónica, persoal do Sergas e equipos de loxística, así como coa colaboración de protección civil e das forzas de seguridade. A Consellería destacou que, grazas a este esforzo, tamén se mantivo a actividade nos hospitais de Valdeorras e Verín, afectados por cortes eléctricos e de comunicacións