A Xunta abre o prazo para solicitar os permisos de pesca fluvial da tempada 2026
A Xunta de Galicia fixo pública este xoves no Diario Oficial de Galicia a resolución que regula os sorteos e o proceso de venda de permisos de pesca fluvial nos coutos galegos para a tempada 2026. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde mañá 12 e ata o 30 de decembro ás 24.00 horas, segundo indica a información remitida aos medios pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Este ano realizarase un único sorteo por provincia, que incluirá os permisos de troita, reo, pesca intensiva e pesca sen morte. A data fixada para a súa celebración será o 27 de xaneiro de 2026, ás 12.00 horas. Antes, o 9 de xaneiro publicaranse as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas, mentres que as definitivas se divulgarán o 20 de xaneiro.
Presentación das solicitudes
As solicitudes deberán presentarse preferentemente por vía electrónica, mediante o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. De maneira opcional, tamén poderán entregarse en papel nos lugares previstos pola Lei de procedemento administrativo común. Cada participante só poderá figurar nunha solicitude —individual ou en grupo— para cada un dos sorteos.
Os resultados poderán consultarse na web de pesca fluvial e nos servizos provinciais de Patrimonio Natural. A través desta mesma páxina indicarase tamén o día e o rango horario asignado a cada solicitante para proceder á escolla de permisos.
Na fase de escolla, as persoas participantes poderán seleccionar os seus permisos por vía telemática ou mediante chamada telefónica aos números que se facilitarán durante o procedemento. Unha vez realizada a reserva, disporán dun prazo de cinco días naturais para efectuar o pagamento nunha entidade bancaria ou a través dos medios telemáticos habilitados.
No caso de non retirar persoalmente os permisos ou non completar o pagamento en prazo, poderase xustificar a operación enviando por correo electrónico a copia do impreso de liquidación debidamente formalizado. Quen non realice o pago dentro do prazo establecido perderá o dereito a participar na fase de escolla durante o resto da tempada, agás casos de forza maior acreditados documentalmente. Se o pagamento se leva a cabo fóra de prazo, permitirase o acceso posteriormente na fase de venda libre.
As oficinas provinciais de Patrimonio Natural continuarán prestando servizos de información e expedición de permisos. Tal e como recolle o regulamento de pesca continental, os permisos sobrantes sortearanse entre os pescadores interesados despois de asignar os destinados ao turismo, concursos deportivos oficiais e entidades colaboradoras.
Na pasada tempada tramitáronse 3.062 solicitudes para participar nos sorteos —incluídos entón os permisos para salmón, especie que permanecerá vedada na vindeira campaña— e adxudicáronse arredor de 6.100 permisos para pesca en coutos de Galicia.