viernes. 29.03.2024

"Aventuras no monte das artes" é unha actividade en liña que achegará ás familias contidos para que a cativada explore as súas habilidades artísticas

A Xunta de Galicia pon en marcha esta semana na Cidade da Cultura o programa "Aventuras no monte das artes", unha actividade en liña que achegará ás familias contidos para que a cativada explore as súas habilidades artísticas a través de xogos e divertidos desafíos. Trátase de ofrecer recursos culturais e de lecer neste momento de confinamento e no marco da campaña da Consellería de Cultura e Turismo #aculturasegue.



A través da personaxe a 'Raposa Fedella' iráselles presentado ás familias –no Facebook, Instagram ou Twitter da Cidade da Cultura-  desafíos e retos vencellados coa pintura, coa arquitectura, coa fotografía ou con outras disciplinas artísticasO Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante do Museo Centro Gaiás deseñou este programa adaptando os contidos dun xeito pedagóxico para rapaces e rapazas de Educación primaria. 

O obxecto é que esta aproximación ás artes sexa unha experiencia dinámica, estimulante e divertida na que os máis pequenos e pequenas poñan en práctica o seu enxeño e habelencias, á vez que lles supoña unha aproximación desde o xogo e as tecnoloxías.

"Aventuras no monte das artes" arranca esta semana e os primeiros protagonistas dos desafíos que lanzará a 'Raposa Fedella' serán os "misterios" do cadro El paraíso terrenal, de Pieter Brueghel 'O Novo' ou a Biblia Kennicott, entre outras pezas da exposición "Galicia, un relato no mundo". Nestas propostas procurarase fomentar a pescuda e tamén a resolución por parte dos rapaces, pero sen apremiar nos tempos para que esta aproximación e interacción se adapte aos ritmos das familias nestas circunstancias excepcionais.

Máis contidos en

liña no web do Gaiás

Aventuras no monte das artes súmase aos contidos en liña que a Cidade da Cultura puxo en marcha ante a imposiblidade de programación presencial polas medidas de confinamento. Deste xeito, o Gaiás incorpórase á programación nas redes sociais de #aculturasegue que están a levar a cabo museos, bibliotecas, teatros, arquivos e gran parte do sector cultural galego para tirar proveito destas ferramentas en liña co obxecto de achegarlles aos fogares arte, danza, literatura, etc. sempre desde o paraugas de lecer cultural dixital de calidade, que propicie a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. 

Xogos artísticos en liña para estimular a creatividade da cativada