Voluntariado ambiental mobilízase en Valdeorras para restaurar as zonas queimadas polos incendios do verán
A comarca de Valdeorras viviu esta fin de semana unha importante mobilización cidadá e institucional para paliar os efectos da vaga de lumes do pasado verán. Voluntarios e voluntarias da Xunta de Galicia e da asociación ecoloxista ADEGA, xunto con veciños, Protección Civil e persoal técnico da Universidade de Vigo e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, traballaron en distintos puntos da comarca para evitar a erosión e protexer as captacións de auga que abastecen ás poboacións locais.
Traballos en Vilamartín de Valdeorras
En Vilamartín, as tarefas concentráronse na zona de Abelaído, que abastece auga ás localidades de Valdegodos e Arcos. Alí realizáronse faxinas e albarradas elaboradas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, mentres os voluntarios de ADEGA se encargaban de estender palla e o equipo da Universidade de Vigo sementaba diferentes tipos de sementes autóctonas.
O alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, explicou que a palla e as barreiras están «filtrando as augas nas captacións» e que xa se pode comprobar a súa eficacia tras as primeiras choivas. Non obstante, advertiu que «hai zonas e estradas que comezan a presentar arrastres e dificultan a circulación, especialmente na estrada de O Robledo, San Vicente e Cernego, polo que pediu máxima precaución».
Actuacións en Forcadela (O Barco)
No Barco de Valdeorras, máis de 60 voluntarios e voluntarias de toda Galicia participaron nas tarefas de restauración na zona de Forcadela, concretamente no lombo do Nacedeiro. O obxectivo principal era protexer a captación de auga do regato de Forcadela mediante técnicas coñecidas como mulching (espallado de palla) e a creación de barreiras naturais con troncos e pólas.
Repartíronse arredor de 2.500 quilos de palla, cubrindo unha superficie aproximada de 10.000 metros cadrados.
O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, destacou o carácter simbólico desta intervención —pois só representa unha pequena parte das 30.000 hectáreas queimadas na comarca— pero tamén a súa importancia como exemplo de colaboración cidadá. O alcalde quixo felicitar publicamente aos técnicos de ADEGA, aos voluntarios e voluntarias e á Protección Civil, que colaborou no traslado das pacas de palla, así como a veciños e veciñas que se implicaron no traballo.
Casaio: traballos de restauración coordinados pola Xunta
En Casaio (Carballeda de Valdeorras), a coordinadora Elba Rodriguez, responsable do grupo de voluntariado da Xunta, explicou que durante dúas fins de semana consecutivas un total de 23 persoas participaron nas tarefas de esparexemento de palla na zona da mina de Valborraz. O obxectivo foi mitigar a erosión provocada polas choivas, especialmente nun terreo moi escarpado.
«Traballamos arreo porque sabiamos que ía chover, e hoxe comprobamos que a palla segue no sitio, o que significa que os puntos de actuación foron os adecuados», explicou. En total espalláronse máis de 250 alpacas de palla, un labor duro pero motivador, segundo relatou a responsable.
Petín e A Rúa: protección das captacións das Arcas
En Petín, co apoio da AVPC local, realizáronse tamén tarefas de mulching e construción de faxinas e albarradas nos montes queimados das captacións de As Arcas, que abastecen de auga aos veciños de Petín e A Rúa. Estas actuacións buscan evitar que as cinzas e os restos vexetais cheguen ás traídas de auga durante as choivas intensas.
A alcaldesa da Rúa, María González Albert, mostrábase moi satisfeita cos traballos realizados durante a fin de semana e agradecía a labor feita por ADEGA, e tamén aos voluntarios que «decidiron pasar un tempo que lles corresponde das súas vidas colaborando por mellorar a recuperación ambiental de zonas queimadas».
Explicou que no seu concello actuouse no arroio das Arcas e no arroio de Fontei. Tamén se recolleron sementes para poder replantalas no futuro nesas mesmas zonas. «Para nos foi fundamental a experiencia, que podería ser máis grande se as administracións competentes na materia se houbesen involucrado nelas», argumentaba.
Cree que ten un compoñente práctico pero para a alcaldesa tamén é principal que con estas accións se sigue «mantendo o foco nestas zonas e no dano posterior dos incendios que non estar a ser afrontados dunha forma correcta polas administracións»
Tanto desde ADEGA como desde os concellos participantes salientouse o valor do voluntariado e a colaboración cidadá para facer fronte a unha situación ambiental complexa. As tarefas teñen un carácter preventivo e simbólico, pero permiten minimizar os efectos inmediatos da erosión e dos arrastres de cinza sobre regatos e rios como o Sil, e contribúen a manter viva a conciencia ambiental na comarca.