Valdeorras e a montaña de Ourense estarán este martes en alerta amarela por calor
A Xunta de Galicia activará este martes, 28 de xullo, o nivel 1 de alerta (amarelo) por episodio de calor en Valdeorras e na montaña de Ourense, segundo os datos facilitados por MeteoGalicia e MeteoSalud no marco do Plan de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde.
Ante esta situación, a Consellería de Sanidade lembra que a exposición prolongada á calor pode provocar problemas como mareos, cansazo, deshidratación, cambras musculares, insolación ou mesmo golpes de calor, especialmente entre as persoas máis vulnerables.
Entre os principais grupos de risco atópanse as persoas maiores de 65 anos, os menores de catro anos, especialmente os bebés, así como quen padece enfermidades cardiovasculares, respiratorias, renais, diabetes ou outras patoloxías crónicas. Tamén deben extremar as precaucións as persoas que desenvolven traballos ou actividades físicas ao aire libre durante as horas centrais do día.
Sanidade recomenda beber auga con frecuencia, aínda que non se teña sede, evitar as bebidas alcohólicas ou con exceso de cafeína, consumir alimentos lixeiros como froitas e verduras e reducir as comidas copiosas. Tamén aconsella vestir roupa lixeira e de cores claras, utilizar gorro, lentes de sol e protección solar, así como permanecer en lugares frescos e ben ventilados sempre que sexa posible.
Do mesmo xeito, insiste en evitar a actividade física nas horas de maior calor, manter as vivendas ventiladas durante as primeiras horas da mañá ou pola noite e non deixar nunca nenos, persoas maiores nin mascotas no interior dos vehículos estacionados.
No caso de sufrir síntomas compatibles cun golpe de calor ou un episodio de esgotamento por altas temperaturas, a Consellería de Sanidade recomenda solicitar asistencia sanitaria urxente chamando ao 061. Tamén lembra a importancia de facer un seguimento das persoas maiores ou que viven soas durante estes días para comprobar que se atopan en bo estado e seguen as recomendacións de prevención.