
O proxecto EmprendOU está deseñado para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos
A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, trasladouse hoxe á Valdeorras, para explicarlle aos alcaldes, técnicos e representantes de entidades da zona, as liñas básicas do proxecto EmprendOU, posto en marcha pola Deputación para apoiar a nova actividade empresarial da mocidade de zonas rurais afectadas polo gran desafío demográfico.
No encontro, que tivo lugar no Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Carballeda de Valdeorras, Luz Doporto informou aos asistentes da importancia desta iniciativa coa que o goberno provincial pretende afrontar o reto demográfico na provincia de Ourense, «un proxecto ao que cada día se suman máis persoas e que permite que numerosas iniciativas empresariais se poñan en marcha», salientou a deputada provincial.
O proxecto EmprendOU, impulsado pola Deputación de Ourense, está deseñado para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan «municipios elixibles», en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.