A reorganización sanitaria mantén centralizada a atención médica en Valdeorras polo impacto dos incendios

A reorganización sanitaria mantén centralizada a atención médica en Valdeorras polo impacto dos incendios
A principal novidade é a recuperación da actividade habitual no centro de saúde da Veiga 

Nos centros de saúde de Carballeda, Vilamartín, Rubiá e O Bolo a atención médica seguirá centralizada no centro de saúde do Barco de Valdeorras, aínda que todos eles permanecerán abertos con servizo de enfermería dispoñible. Do mesmo xeito, os centros de Petín e Larouco derivarán a asistencia médica á Rúa, mentres que en Viana do Bolo se asumirá tamén a atención de Vilariño de Conso.

A principal novidade é a recuperación da actividade habitual no centro de saúde da Veiga e no consultorio de Albarellos (Monterrei), que retomarán o seu funcionamento médico normal. Pola contra, a atención de Laza e do consultorio de Vilaza quedará centralizada en Verín, que tamén atenderá os casos de Oímbra e Cualedro. Ademais, San Xoán de Río e Manzaneda seguirán dependendo do centro de saúde da Pobra de Trives, e Chandrexa de Queixa do de Montederramo.

Para garantir a comunicación nos centros afectados, a Xunta despregou antenas de conexión vía satélite Starlink durante a fin de semana. Estas instalacións priorizáronse nos hospitais comarcais do Barco e de Verín, así como nos centros de saúde cabeceira de comarca e nos puntos de atención continuada, entre eles A Rúa, Viana, Trives, A Mezquita e Vilardevós. Tamén se está a traballar na reposición da fibra óptica para restablecer canto antes a conectividade.

Segundo a Consellería de Sanidade, a reorganización posta en marcha onte permitiu manter a atención sanitaria con normalidade e sen complicacións, e continuará vixente ata que se recupere a conectividade nos centros afectados.