A RAG celebrará en Vilamartín o Día das Letras Galegas con Florencio como protagonista
Víctor F. Freixanes presentou esta mañá na sede da institución a programación que a RAG desenvolverá co gallo do Día das Letras Galegas que lle dedica a Florencio Delgado. A Real Academia Galega celebrará as Letras Galegas de cunha programación que achega propostas para todas as idades e que contará coa colaboración de novas figuras destacadas do tecido cultural do país.
Xunto a el interviu Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar do homenaxeado, que nunca pensou que Florencio chagase ata aquí despois das primeras frustacions. «Foi un home moi preocupado pola lingua galega e o uso dela. Fixo da comunidade galega un eixo vertebrador de todo tipo de actividade na contorna da comunidade galega do exilio».
O presidente da RAG gabou o gran labor de recuperación da figura de Delgado Gurriarán que desenvolveron Ricardo Gurriarán e os promotores do proxecto as Letras de Florencio, que culminará nestas Letras Galegas 2022. Farao cunha completa programación que se realizará co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, deputacións provinciais, concellos e a Fundación Barrié, entre outras entidades ás que lles agradeceu tamén a súa colaboración.
Ademais, tamen interviu Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio, que destacou que «dende o proxecto xa temos algunhas actividades en marcha. Onte se celebrou o primeiro roteiro en Córgomo, un pequeno percorrido no que os vecinos coñeceron un pouco da historia. Os veciños están agardando poñer en valor ao autor e a Valdeorras».
De Valdeorras a México por primeira vez
"Así como moitas veces visitamos polas Letras Galegas Buenos Aires, con Florencio Delgado Gurriarán a Academia viaxa simbolicamente por primeira vez no Día das Letras Galegas ao exilio mexicano. Alí, arredor do Padroado da Cultura Galega de México, houbo un momento de actividade extraordinaria na que Florencio Delgado Gurriarán tivo unha presenza activa moi importante, xunto a outras figuras como o xornalista Luís Soto, o cineasta Carlos Velo ou os irmáns Bilbatúa", explica o presidente da RAG.
A institución deterase tamén por primeira vez nestas Letras Galegas nas terras de Valdeorras. A ocasión permitirá celebrar o galego desta Galicia oriental e a poesía dun autor "que encarna a cultura popular e a relaciona, nos anos 30, coas vangardas, cantándolles á alegría de vivir, ao viño, ás tradicións populares; e que máis adiante conecta coa poesía civil que critica o castrapo, os caciques e a visión de Galicia dos que a querían negar", engade.
Da Rede á celebración en Córgomo
A RAG xa ten activada na súa páxina web, que servirá de escaparate tanto para as iniciativas propias como doutras institucións e colectivos que traballen na divulgación do legado de Delgado Gurriarán. Neste espazo xa se pode ler a biografía do poeta asinada por Ricardo Gurriarán e tamén se comparten os primeiros episodios da serie de micropezas Polos vieiros de Florencio, da que se estreará cada semana un novo capítulo.
O Portal das Palabras, a páxina web da RAG e a Fundación Barrié, acaba de estrear a súa sección das Letras Galegas 2022, onde xa están dispoñibles os primeiros contidos: tres xogos interactivos sobre o rico vocabulario da poesía de Florencio Delgado Gurriarán e un 'Allos con bugallos' sobre o léxico dos seus poemas mexicanos.
Xa no mes de marzo, a RAG presentará en Vilamartín de Valdeorras a última edición do proxecto para o público infantil Primavera das Letras, que inicia unha nova etapa da man da escritora Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e a ilustradora Blanca Millán.
A Academia volverá á terra de Florencio Delgado Gurriarán para celebrar o Día das Letras Galegas. A sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio terá lugar en Córgomo, a aldea onde naceu no ano 1903 e da que tomou un dos seus alcumes, Corgomófilo. Os discursos correrán a cargo da académica Rosario Álvarez e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero.
Xa no outono, como é tradición, terá lugar o Simposio das Letras Galegas, onde especialistas dende a filoloxía á historia presentarán investigacións con novas olladas ao universo do autor.
Publicacións
No apartado de publicacións, a RAG ten previsto editar o discurso que Florencio Delgado Gurriarán deixou escrito para unha posible cerimonia, co gallo do seu nomeamento como académico correspondente, que non chegou a producirse; e a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle fixo en México, unha edición anotada da que se fará cargo Ricardo Gurriarán.
O historiador tamén será o responsable dunha escolma da rica correspondencia do homenaxeado. Por último, unha vez concluído o ano, o Boletín da Real Academia Galega recollerá as alocucións académicas do 17 de maio e os relatorios do Simposio Florencio Delgado Gurriarán.