Que facer esta fin de semana en Valdeorras e Terras de Trives
Chega unha fin de semana chea de actividades en Valdeorras e Terras de Trives e aquí mostrámosche a oferta cultural e festiva. Destaca especialmente a VII Xuntanza de Fulións na Veiga, que pecha o Entroido da provincia cunha das convocatorias máis multitudinarias dos últimos anos. Ademais, haberá ciclos de cine e celebracións do Día da Muller noutras localidades, convertendo esta fin de semana nunha oportunidade perfecta para gozar da cultura e a tradición.
A VII Xuntanza de Fulións na Veiga
A Veiga pon o peche ao Entroido da provincia o sábado 8 de marzo coa VII Xuntanza de Fulións, organizada pola Asociación Cultural O Son de Trevinca, coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia e o Concello da Veiga. Este evento contará con preto de 1.000 participantes.
A partir das 16:00 horas, os fulións desfilarán pola rúa principal da Veiga ata a Praza do Toural. Participarán 17 fulións de diferentes localidades, como Cabo da Vila, Piñeiro, Petín, Fradelo, Buxán, Vilariño de Conso, Mormentelos, As Maceiras, Bembibre, Carracedo da Serra, Tameirón, Penouta, Os Labregos, Chandrexa de Queixa, Petín Os Arrieiros, As Tablillas Valdín-Porto e o FulIón da Veiga.
Ademais, a festa contará coa participación de 10 grupos de máscaras tradicionais, como os Danzantes e Vellos de Vilarmeao, Follateiros de Lobios, Cabreiros de Muíños, Oso de Salcedo, Vellarróns de Ríos, entre outros. A Morte, figura típica de Valdín, simbolizará o peche do Entroido, acompañada polos fachóns.
Xa pola noite, a festa continuará no pavillón municipal a partir das 22:30 horas, coa charanga El Tattoo e a actuación do DJ Josete, asegurando música e diversón ata altas horas da madrugada.
Ciclo de cine "Mulleres no Cine"
Coa colaboración do Cineclube Groucho Marx, O Barco acollerá un ciclo de cine dedicado ás mulleres.
As proxeccións terán lugar no horario habitual do cine comercial, con tres títulos destacados. O mércores 12 de marzo proxectarase "Caladiña", de Miguel Faus; o mércores 19 de marzo, "Reas", de Lola Arial; e o mércores 26 de marzo, o documental "Cristina García Rodero", dirixido por Carlota Nelson.
Na Rúa, esta fin de semana sesión dobre no Centro Cultural Avenida con "Polican" e a multipremiada "The Brutalist". A hora de proxección do filme infantil será ás 17:00 horas do sábado e domingo. The Brutalist tamén se pode ver estes dous días as 19:00 horas.
Celebracións do Día da Muller
En Petín, a cita será o 8 de marzo cunha gran cea a partir das 22:00 horas. O menú incluirá entrantes ibéricos, langostinos, costela, postre, café e chupitos, nun ambiente de celebración e confraternidade.
A Rúa celebra unha concentración na Praza do Concello as 12:00 horas co lectura dun manifesto en prol da muller.
En San Xoán de Río, os actos comezarán ás 12:00 horas cunha entrevista a Elisa, Zaira e Hanan. Ás 14:00 h, celebrarase unha comida popular con empanada, entremeses ibéricos, langostinos, lacón, bica, café e licores. Ademais, lerase o manifesto do Concello de San Xoán de Río, no que se fai un chamamento á igualdade, recoñecendo o papel crucial das mulleres no rural e reafirmando o compromiso coa loita pola equidade e contra o negacionismo. «A Nosa Voz, máis Clara, máis Forte. Sen as mulleres do rural, non hai futuro!»