domingo. 21.04.2024
WhatsApp Image 2024-02-22 at 12.34.19
Un proxecto didáctico da Atención Primaria Ourensá, 1º premio do Certamen da Fundación Humans

O proxecto de atención comunitaria “Humanizando e achegando a atención primaria aos nenos: coñece o teu centro de saúde” ven de acadar un importante recoñecemento nacional ao conseguir o primeiro premio da Fundación Humans na categoría de procesos sociosanitarios enfocados á persoa.

O proxecto ourensán premiado, que gañou na final ao presentado polo Hospital Infanta Leonor de Madrid, xurdiu da inquietude dun grupo de profesionais co obxectivo de reducir o medo e a ansiedade dos nenos cando acoden a un centro sanitario e así establecer unha relación de confianza e converter esta experiencia en algo positivo sendo tamén unha forma de que coñezan dunha forma divertida o traballo de todos os profesionais de atención primaria e poidan familiarizarse tamén co distinto instrumental.

Ao acto de entrega desta segunda edición dos premios da Fundación Humans que se celebrou na Universidade Pontificia de Comillas de Madrid acudiron a Subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria, Josefa Rodríguez Araujo, a referente de saúde comunitaria da área sanitaria, Verónica Civeira Pérez, e a matrona Laura Vila.

A referente de atención comunitaria, Verónica Civeira, explicou que “por norma xeral un neno san acude unha media de catorce veces ao centro de saúde no seus dez primeiros anos de vida e para moitos deles esta visita supón ansiedade, nervios, estrés e medo e para os pais e as nais incluso peor”. Esta intervención vai dirixida a nenos de entre tres e seis anos e consiste nunha visita ao centro de saúde de forma inmersiva e participativa onde coñecen, xogan e aprenden contando coa participación e colaboración de todos os profesionais.

Ata o de agora realizouse o pilotaxe deste proxecto en tres centros de saúde Bande, O Barco e O Carballiño, participando 170 nenos e nenas, seis colexios e estase a estender polo resto dos centros de atención primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

WhatsApp Image 2024-02-22 at 12.34.19 (1)

Para Josefa Rodríguez Araujo “este premio de humanización supón un recoñecemento aos profesionais de atención primaria da nosa área sanitaria polo desenvolvemento constante de actividades comunitarias e iniciativas cun amplo carácter multidisciplinar e colaborativo, que implican a médicos, persoal de enfermaría, matronas, traballadores sociais, nutricionistas, fisioterapeutas, odontólogos, hixienistas dentais, técnicos de radioloxía, persoal da limpeza ou a profesionais en formación (MIR, EIR)”.

A avaliación deste programa está resultando altamente positiva tanto para os profesionais como para os pais e as nais e segundo o persoal de pediatría que os atende de xeito regular a actitude dos nenos e nenas e moito máis tranquila, feliz e colaboradora cada vez que deben acudir ao seu centro de saúde.

Un proxecto didáctico da Atención Primaria Ourensá, 1º premio do Certamen da Fundación...