Medio Rural ofrece parcelas do Banco de Terras aos apicultores ourensáns afectados polos lumes

Medio Rural ofrece parcelas do Banco de Terras aos apicultores ourensáns afectados polos lumes
A medida busca garantir a continuidade das explotacións despois dos graves incendios deste verán, con especial incidencia en Ourense e Valdeorras
 

Os incendios forestais que arrasaron Galicia este verán deixaron tamén serios danos no sector apícola, especialmente en Ourense, a provincia máis afectada polo lume. Para paliar as consecuencias, a Consellería do Medio Rural anunciou que facilitará aos apicultores o acceso gratuíto a parcelas do Banco de Terras, co fin de que poidan trasladar as súas colmeas a zonas seguras e dispoñan así de alimento natural para as abellas.

Os produtores interesados deberán tramitar a súa solicitude a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Cada petición será avaliada en función dos danos sufridos polas colmeas e, de ser o caso, asignaranse parcelas axeitadas. O traslado deberá notificarse nas oficinas rurais para actualizar o rexistro apícola de Galicia.

A medida cobra especial relevancia en comarcas como Valdeorras e Quiroga, onde o lume avanzou con forza e deixou mais da 30.000 hectáreas de monte queimadas, afectando tamén ás zonas de alimentación das abellas.

Ademais desta iniciativa, Medio Rural lembra que xa se puxo en marcha un operativo de emerxencia o 16 de agosto para garantir a subministración inmediata de alimento ao gando nas explotacións máis prexudicadas polos incendios.