
A Fundación Amigos de Galicia, a través do seu programa de Atención a Familias en Situación de Vulnerabilidade, continúa o labor de apoio aos máis pequenos mediante a entrega de material escolar para comezar o curso con igualdade de oportunidades. Dende o ano 2009, este programa inclúe o reparto de mochilas equipadas segundo a idade dos nenos, e este ano beneficiou a 15 familias na comarca de Valdeorras e a 268 en toda a provincia de Ourense.
Marta Cousiño, traballadora social da fundación, explicou o contexto do programa e a súa evolución: «Nos últimos anos, especialmente desde 2020, vimos un incremento na demanda de axuda, mesmo en familias con membros empregados». Esta realidade evidencia que non só o desemprego coloca a familias en situación de vulnerabilidade, senón tamén o aumento do custo de vida e a insuficiencia de recursos en fogares con ingresos baixos.
Ademais do material escolar, a Fundación Amigos de Galicia leva a cabo a entrega de lentes e audiófonos, especialmente para nenos e colectivos vulnerables como as persoas maiores, con atención prioritaria a menores. Cousiño destaca a importancia destas axudas en aspectos que van máis aló do económico, permitindo que poidan desenvolver a súa vida diaria sen obstáculos. «Na comarca de Valdeorras, entregáronse dúas lentes este ano», engadiu.
O labor da Fundación Amigos de Galicia continúa sendo un apoio clave para a poboación en situación de vulnerabilidade, adaptando os seus programas ás necesidades cambiantes da comunidade e mantendo o compromiso con aquelas familias que máis o precisan.
Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí: