
Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Concello do Barco de Valdeorras, pasou a formar parte da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE. Concretamente será a encargada da Secretaría da Lingua. «Recibín a noticia con vertixe e orgullo de que unha vez máis o alcalde Alfredo García confíe en min para formar parte deste grupo».
Así explicaba a socialista o que sentiu cando recibiu a chamada do rexedor barquense. «Tomo este cargo con ilusión, ganas e confianza de poder facer algo a prol da lingua e de levar a Valdeorras a esta executiva». Recibiu o cargo nun acto celebrado o domingo 28 de abril en Santiago de Compostela, onde tamén estivo presente —entre outros cargos do partido— o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro.

Refería Pizcueta que «este grupo de 40 persoas somos os que acompañaremos a Gómez Besteiro no seu proxecto político para Galicia, e cada un de nós levamos o peso dun ámbito do programa». Neste caso, ela levará a Secretaría da Lingua «como filóloga e como persoa que traballou durante anos na normalización e dinamización da lingua».
A alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, tamén entrou nesta Comisión, concretamente na Secretaría de Emprendemento e Traballo Autónomo.
«Estamos vivindo un feito histórico e temos que reaccionar»
Margarida Pizcueta recibía a noticia deste ingreso «cando volvía da concentración de Madrid do sábado 27 de abril». Unha cita á que acudiu «unha representación de Valdeorras». En relación con este evento, a concelleira contaba que «acudimos para dar apoio ao Comité Federal que se reunía en Ferraz. Foi moi emotivo pero lóxicamente hai preocupación no partido e na cidadanía».
Preguntada por se no acto de Santiago de Compostela se abordou este asunto, foi clara: «o que nos estamos xogando non é a continuación do presidente, senón da democracia; e non é unha cuestión de partido, senón de país». Definía a concentración do sábado como «emotiva e emocionante, onde houbo xente que chorou».
Destacaba Pizcueta o «histórico» deste feito que está vivindo o país, e quixo destacar que «en Ferraz houbo sobre todo respeito, ninguén insultou a ninguén, non había nin un monigote, e iso é un orgullo». Valoraba tamén o «nivel de contención» dos congregados nesa rúa de Madrid «a pesar da gravidade do asunto».
No momento desta entrevista, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aínda non comunicara a súa decisión de continuar no cargo. Por iso, a militante socialista concluía afirmando que «temos que reaccionar porque non todo vale. Quédome cunha frase de García-Page: non se pode chegar a ser mellor político sendo peor persoa».