viernes. 19.04.2024

Mar Vélez conta con experiencia como directora asistencial no Hospital Quirón Salud de Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia recolleu o nomeamento de Mar Vélez Regueiro como directora de soporte da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, posto que ocupaba Mar Vázquez Salvado, ata o seu nomeamento, o pasado mes de novembro, como directora asistencial.

Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Especialista vía MIR en Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cervico-Facial, no Hospital Clínico de Santiago, Mar Vélez será entre outras funcións a responsable da coordinación da área cirúrxica como Cirurxía Vascular, Xeral e Pediátrica, Dermatoloxía, Xinecoloxía e Obstetricia, Neurocirurxía, Oftalmoloxía, Ororrinolaringoloxía, Traumatoloxía e Uroloxía ademais dos servizos de Psiquiatría, Rehabilitación, Medicina Intensiva e Anestesia e Reanimación.

Nada en Castro de Rei (Lugo), Vélez era desde 2016, a directora asistencial dos centros Quirónsalud de Pontevedra, que agrupan o Hospital Miguel Domínguez e o Instituto de Neurorehabilitación. Con ampla experiencia na xestión sanitaria, anteriormente ocupou distintas responsabilidades directivas na Área Sanitaria de Vigo, como directora de Procesos Asistenciais, entre 2013 e 2015, e na de Santiago de Compostela, como directora de procesos con ingreso, entre 2012 e 2013.

Vinculada, desde 1998, ao Hospital do Barbanza como facultativa especialista de Otorrinolaringoloxía, e coordinadora de Calidade, entre 2002 e 2007, foi neste centro comarcal, da Área Sanitaria de Santiago, no que iniciou a súa traxectoria no eido da xestión sanitaria, responsabilizándose da Dirección Médica entre 2009 e 2012.

Ademais da súa experiencia profesional, Mar Vélez conta ampla formación específica en administración e xestión sanitaria con diferentes cursos de especialización sobre Dirección Sanitaria, pola Escola Galega de Administración Sanitaria, en 2010, sobre xestión de servizos e unidades clínicas de atención especializada, en 2000, Metoloxía da avaliación e mellora da calidade no ámbito da saúde, tamén pola EGAP en 2002, e o programa de especialización do ESADE Business School, en 2019, ademais de numerosos seminarios e cursos relativos a este ámbito.

Mar Vélez nova directora de soporte da Área Sanitaria