viernes. 19.04.2024
somoscomarca_unidaddolor_medico_2022-10-17
Máis de mil ourensáns pasan ao mes pola Unidade de Dor dos CHUO

A Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense,  decana en Galicia e pioneira na implantación de técnicas ampliou estes días a súa completa carteira de servizos cun novo sistema de radiofrecuencia (RD) contra a dor lumbar discoxénica, que se realiza mediante unha única punción, o que minimiza o risco de infección do disco, unha das complicacións destes procedementos.

Ata o momento o procedemento xa se realizou en catro ocasións, e os pacientes evolucionan favorablemente.  Este tipo de dor crónica é difícil de diagnosticar, xa que está ocasionada polo propio disco vertebral. Normalmente podese solucionar con tratamento médico e rehabilitador conservador pero, en ocasións, a dor non responde aos tratamentos, polo que é clave dispoñer de alternativas como esta, que a responsable da Unidade, Luz Cánovas, estima será de utilidade para unha media de 50 pacientes ao ano.

Coa implantación da nova técnica esta unidade do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación mantense a vangarda en canto ao emprego de novas respostas terapéuticas fronte a dor resistente, desde os dispositivos de electroestimulación á radiofrecuencia.

Como é habitual nos procedemento da unidade da Dor o novo sistema é minimamente invasivo, e non precisa ingreso, levase a cabo mediante unha agulla introdutora que favorece a navegación e a colocación do eléctrodo no disco intervertebral afectado, sen risco de rotura. Unha vez posicionado, o eléctrodo aplica radiofrecuencia térmica no tecido para denervar as terminacións nerviosas aliviando a dor.

Mil pacientes ao mes e medrando

A Dor Crónica, aquela que se mantén no tempo durante ao menos tres meses,  ascende ao 21% da poboación en Ourense, fronte ao 18% habitual no conxunto do estado, posiblemente debido ao envellecemento. En resposta a esta realidade a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras conta cunha canle directa, para que os profesionais de atención primaria podan pedir unha interconsulta, evitando traslados ou desprazamentos aos pacientes, que cando o precisan poden ser derivados directamente á Unidade da Dor, decana en Galicia e unha das tres primeiras do país que, ademais, conta cunha carteira de servizos de tratamentos e técnicas completa.

Esta medida de coordinación, entre os especialistas de Primaria e Hospitalaria, permite unha atención máis áxil, daqueles pacientes que non responden aos tratamentos e primeira atención desde os Centros de Saúde, nivel asistencial clave, desde a que se atende e resolve a maioría destes casos.

A Dor Crónica xera na Unidade de Ourense unha media de mil consultas ao mes, delas, as máis frecuentes son producidas por dor crónica causada por lumboartrose, artrose de cadeira ou xeonllo ou cervico artrose, moi prevalentes na idade avanzada, e máis na muller, perfil tipo da maioría de pacientes da Unidade da Dor, na que tamén hai unha porcentaxe de pacientes derivados polos Servizos de Oncoloxía, Uroloxía ou Cirurxía.

Ademais da radiofrecuencia, outra fronteira terapéutica superada pola unidade ourensá é a implantación de  estimuladores, xa desde 2008, sempre como último nivel terapeútico cando todo demás falla, e que están indicados en 7 ou 8 pacientes ao ano. Consiste en implantar de forma subcutánea, no espazo epidural, un ou dous eléctrodos, conectados a unha pila interna, para xerar unha resposta nerviosa ou parestesia na zona da dor, conseguindo enmascarala.

Máis de mil ourensáns pasan ao mes pola Unidade de Dor dos CHUO