jueves. 28.03.2024
Exercicio físico e dieta saúdable, os dous súper-protectores do corazón

Co gallo da conmemoración hoxe do Día Mundial do Corazón o Servizo de Cardioloxía da Hospital Universitario de Ourense e os seus profesionais lideran unha campaña de difusión e promoción da saúde, para facer chegar a toda a cidadanía uns consellos para coidar mellor o seu corazón e envellecer na mellor situación cardiovascular posible.

As enfermidades cardiovasculares seguen a ser a día de hoxe a principal causa de mortalidade no noso medio e afectan especialmente ás persoas de maior idade. O avance nos tratamentos e controis por parte do sistema público de saúde están a facer posible controlar moitos dos factores de risco de desenvolvelento de enfermidades cardiovasculares pero a ferramenta máis valiosa segue a ser a prevención e autocoidado.

Os e as especialistas do Servizo de Cardioloxía lembran hoxe a importancia de evitar riscos cardiolóxicos ben coñecidos nos que se pode actuar: a hipertensión, o  exceso de colesterol, o sedentarismo e os hábitos tóxicos como o tabaco ou o alcohol.

Fronte a eles, unha das máis valiosas armas é o exercicio físico. O sedentarismo é unha "pandemia" silente que trae da man novos riscos para o corazón, e a saúde en xeral, como  obesidade, diabete ou hipertensión,  ou malos hábitos na dieta, como o exceso de sal nas comidas, moi habitual en Galicia.

Pandemia de mala alimentación e sedentarismo

Ademais o sedentarismo estase a agravar pola pandemia, e pola extensión do teletraballo, así coma as novas vías de ocio, onde a actividade física é só virtual, nas pantallas. Este período tamén estendeu os problemas de mala alimentación, dada a maior accesibilidade, directamente na casa con tan só unha chamada ou desde o móvil,  a comidas elaboradas e moitas veces ultraprocesadas, con exceso de sal ou azucre, con gasto enerxético cero.

Os beneficios do exercicio físico non só se limitan a protexer o corazón, senón que garanten chegar a terceira idade de xeito saudable, con máis posibilidades de manter unha maior calidade de vida, e unha vida máis plena, evitando a fraxilidade ou retrasando o desenvolvemento de problemas cognitivos.

O Servizo de Cardioloxía mantén unha intensa actividade asistencial, retomando a incidencia habitual previa á pandemia. Así, tan só ata o pasado mes de agosto, rexistrou un total de 1.045 ingresos que fai prever un incremento respecto á súa media histórica. 

Do mesmo xeito, neste mesmo periodo atendéronse 7.791 consultas, das que 1.797 son primeiras consultas e o resto sucesivas. Igualmente desde o servizo estanse impulsando as consultas de acto único (proba e consulta nunha mesma visita) e intensificando a  coordinación con atención primaria.

Exercicio físico e dieta saúdable, os dous súper-protectores do corazón