Os edís de Son de Trives-En Marea alegan desacordos a hora da súa renuncia
Os dous edís alegan desacordos á hora de deixar os seus escanos
O pasado mércores os dous concelleiros do Grupo Son de Trives – En Marea decidiron renunciar ás súas responsabilidades de goberno no Concello da Pobra de Trives por desacordos ca actual alcaldesa.
Nun escrito ambos edís afirman que: "A razón que nos leva a tan difícil decisión fundaméntase no desacordo acerca do xeito de entender o traballo destes dous concelleiros e o que ten a alcaldesa, porque nós estamos acostumados a traballar a través da cooperación, o diálogo, de xeito horizontal e en equipo. Parécenos desproporcionado alarmar á cidadanía cunha nota de prensa catastrofista, pouco rigorosa e fóra de lugar, na que se minte afirmando que non tiñan constancia da nosa decisión, cando estaban informados dende o primeiro instante, extremo este do que temos probas por escrito. Ao longo destes dous meses non foron atendidas adecuadamente as nosas peticións de reunións do equipo de goberno para en conxunto acordar as liñas xerais de traballo e resolver os conflitos e asuntos que ían xurdindo. Entendemos que esta situación non ten perspectivas de cambio".
Neste escrito tamén alegan que a decisión de abandonar o equipo de goberno precipitouse por unha discusión o pasado mércores entre a alcaldesa e cada un dos concelleiros da formación Son de Trives-En Marea: "Aínda que non deixa de ser un máis dunha longa serie de desencontros. Ao longo destes dous meses a desconfianza e o entorpecemento da nosa necesaria autonomía como concelleiros foron continuos por parte da alcaldesa. Como non estamos dispostos a traballar tendo que acatar xerarquías (tal como nos foi requerido pola alcaldesa nesa última discusión) consideramos que o máis honesto era retirarnos do equipo de goberno, feito do que informamos á alcaldesa nese mesmo intre. Queremos deixar patente o magnífico clima de traballo e entendemento ata ese momento cos outros tres concelleiros do PSOE para os que só temos palabras de agradecemento. Igualmente deixamos claro que en ningún caso abandonaremos as nosas actas de concelleiros, e que dende agora o noso apoio ao grupo de goberno reducirase a acordos puntuais naqueles casos que o consideremos oportuno e beneficioso para o noso concello".
Dende a formación trivesa afirman que o texto foi consensuado entre todas as persoas que integran o equipo de Son de Trives-En Marea: "Aos que agradecemos o seu respaldo nesta difícil decisión. Queremos agradecer a confianza depositada en nós polos nosos votantes e a que nos ten demostrado a cidadanía en todo este tempo e moi especialmente nos últimos días, ben en persoa ou mediante mensaxes. Seguiremos traballando tanto a título político dende a oposición como a título persoal dende outros ámbitos polo ben de Trives e a súa cidadanía" explican no texto.