martes. 03.06.2025

Eco dos Teixos ofrece tres actividades na Primavera de Portas Abertas

Teixadal de Casaio, Descubrindo os misterios de Baco e A cidade dos alemáns son os títulos das propostas, que mesturan viño, historia e natureza
p_somoscomarca_240430_ecodosteixos181
Eco dos Teixos ofrece tres actividades na Primavera de Portas Abertas.

«As nosas actividades mesturan viño, historia e natureza, aproveitando a contorna que temos aquí, en Casaio». Pedro Domínguez, de Eco dos Teixos, presentou as tres actividades que ofertan dentro da Primavera de Portas Abertas, que arrinca o venres 3 de maio en Valdeorras. 

A primeira proposta leva por título "Teixadal de Casaio", onde «faremos unha ruta interpretada dentro do bosque durante todo o día». Realizarase o sábado 4 de maio a partir das 9:00 horas e até as 16:00. Cun prezo de 28 euros por persoa «comeremos algo todos xuntos nese increíble entorno». 

O mesmo sábado haberá unha actividade nocturna, a partir das 22:00 horas. Trátase de "Descubrindo os misterios de Baco, rei do viño" onde mestúrase «teatro, ambientación e unha carreira». Esta proposta lúdica ten un prezo de 15 euros por persoa e se trata «de descubrir e descifrar o que nos contan os personaxes que irán aparecendo por medio do monte para coñecer cal é o misterio de Baco». 

somoscomarca_240430_ecodosteixos178
Eco dos Teixos, en Casaio.

A última actividade programada por Eco dos Teixos terá lugar xa o domingo 5 de maio. "A cidade dos alemáns" é unha proposta de historia e de patrimonio histórico. «Visitaremos unhas antigas minas de wolframio, as de Balborraz, que foron explotadas polos nazis na Segunda Guerra Mundial e veremos imaxes dos anos 40 para comparar como está hoxe». Unha visita que ten un prezo de 18 euros por persoa. 

Pedro Domínguez avanzaba datos de participación, dando conta de que «o sábado está prácticamente completo e o domingo imos pola metade das inscricións dispoñibles». Destacaba ademais o número de chamadas preguntando polas actividades, e quixo animar aos rezagados lanzando unha mensaxe positiva «a previsión de choiva non é malísima, estamos seguros de que nos vai acompañar o tempo». 

Pódese contactar con Eco dos Teixos a través do correo electrónico ecodosteixos@gmail.com ou no teléfono 669 72 42 06.

Se quere escoitar a entrevista completa pode facelo no seguinte enlace de audio

Eco dos Teixos ofrece tres actividades na Primavera de Portas Abertas