
Hoxe celebramos unha data moi especial: o Día Internacional da Lingua Materna. Unha xornada para reivindicar o valor do noso idioma propio, para lembrar que a lingua na que aprendemos a sentir, a pensar e a relacionarnos co mundo é moito máis ca unha ferramenta de comunicación; é parte da nosa identidade, da nosa historia e do noso xeito de ver a realidade.
Este 21 de febreiro cúmprense 25 anos da proclamación deste día por parte da UNESCO, co obxectivo de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. E hoxe gustaríame compartir con vós a miña experiencia persoal co galego, a miña lingua materna, e reflexionar sobre a importancia de ser bilingües, un privilexio que temos aqueles que nacemos en territorios con máis dun idioma.
Desde pequena sentín en galego, ao igual que moitos (aínda que non todos) os que nacemos en Valdeorras, Terras de Trives, Viana, Quiroga... Foi a lingua na que me arrolaron, na que me falaron os meus pais, na que aprendín a expresar os meus sentimentos máis profundos. De feito, cando me enfado, aínda que estea falando en castelán, exprésome en galego! A lingua non é só un código de signos, é a forma en que entendemos o mundo, e para min, o galego é a lingua que mellor define quen son.
Porén, a miña educación non foi exclusivamente en galego. Na escola, a lingua vehicular era o castelán, o que me permitiu desenvolverme en dous idiomas desde pequena. Esta situación, que podería parecer complexa, acabou por ser unha gran vantaxe.
Ser bilingüe non só facilita o acceso a máis oportunidades profesionais (sobre todo se un dos idiomas é o inglés), senón que fortalece as capacidades intelectuais. Estudos do Consello para a Enseñanza de Idiomas Extranxeiros demostran que as persoas bilingües obteñen mellores resultados académicos, ademais de atrasar os efectos do envellecemento cerebral e reducir o risco de doenzas como o Alzheimer.
Pero máis alá dos beneficios individuais, falar dúas linguas é unha riqueza colectiva. A diversidade cultural que protexemos ao manter vivas as nosas linguas maternas é fundamental para garantir unha sociedade plural, integradora e respectuosa coas diferenzas. A UNESCO lémbrao cada ano: "Os idiomas son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta." Sen lingua, non hai cultura, non hai lembranzas, non hai xeitos diversos de pensar.
Estamos nunha comarca na que se falan máis de 50 idiomas. Desgraciadamente, moitas linguas do mundo están en perigo de desaparición debido a factores externos, como conflitos ou desprazamentos forzados, pero tamén por motivos internos, como o rexeitamento da lingua propia por medo á exclusión social. É por iso que a defensa do idioma materno é máis importante ca nunca.
As sociedades multilingües existen grazas ás súas linguas, que transmiten e preservan os saberes tradicionais. Permítanme que faga unha defensa argumentada do meu idioma materno: o galego.O galego é unha lingua con séculos de historia, con literatura, con expresións únicas que nos permiten conectar co noso pasado e construír o noso futuro.
En Galicia temos a fortuna de vivir nun lugar que non só conserva a súa lingua propia, senón que cada día está máis viva. Precisamos usala, defendela, falala con orgullo para que siga medrando. Como dixo o escritor Celso Emilio Ferreiro:"Lingua proletaria do meu pobo, eu fálola porque si, porque me gusta, porque me peta e quero e dáme a gana."
A nosa lingua materna é moito máis ca un simple instrumento de comunicación; está vencellada coa nosa identidade e co noso pasado. Debemos reivindicala cada día: no fogar, na escola, no traballo, na rúa.
Falemos o galego sen medo e sen vergoña. Porque cada palabra que pronunciamos na nosa lingua é un acto de resistencia e de amor polo que somos. É terrible ter que pedir isto, pero na nosa terra aínda hai moitas persoas que, a pesar de que os seus pais ou os seus avós falaban a lingua de Rosalía, nin a saben, nin a queren aprender. E o peor: aprendérona e non pronuncian nin unha soa verba. É triste, pero por desgraza, é así.
Hoxe, no Día Internacional da Lingua Materna, celebremos a lingua (cada quen a súa), pasémoslla ás xeracións futuras, valoremos o patrimonio cultural e defendámola con forza. Porque a lingua de cada un non é só un idioma; é a maneira de sentir o mundo.
Non esquezamos nunca a nosa lingua materna, porque nela está a nosa historia, a nosa identidade e o noso futuro.