A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa cultura tradicional na presentación do Anuario da Gaita
O Pazo Provincial de Ourense acolleu na mañá deste luns, 30 de decembro, a presentación do Anuario da Gaita 2024 (nº 39), unha publicación editada pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense que continúa a súa firme aposta pola divulgación, estudo e salvagarda do patrimonio musical tradicional galego.
No acto participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e o recoñecido investigador asturiano Daniel García de la Cuesta, colaborador desta edición.
Durante a súa intervención, César Fernández destacou que esta nova entrega «consolida ao Anuario da Gaita como a publicación de referencia para a investigación e divulgación da música popular en Galicia e en Europa». O deputado de Cultura subliñou tamén o valor dunha obra «que xa camiña cara ás catro décadas de vida, converténdose nunha peza imprescindible para entender a nosa identidade cultural».
Fernández puxo en valor o compromiso da Deputación coa música tradicional como «elemento clave para coñecer, preservar e transmitir a nosa identidade», sinalando que o Anuario é «unha fiestra aberta á investigación rigorosa e á conexión cultural co resto de pobos da Península Ibérica e de Europa».
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo foi o encargado de debullar os contidos desta 39ª edición, que inclúe estudos sobre a iconografía da gaita en Lugo, investigacións sobre a gaita romanesa (Cimpoi) e correspondencia inédita entre gaiteiros ancareses, entre outros traballos. «Este volume é un testemuño vivo da nosa memoria sonora e do diálogo constante entre xeracións de músicos», afirmou Foxo, quen agradeceu a sensibilidade e colaboración permanente da Deputación tanto co Anuario como coa Escola Provincial de Gaitas.
Investigación e música en directo
O acto contou tamén coa participación destacada de Daniel García de la Cuesta, prestixioso investigador do Principado de Asturias, quen puxo de relevo a irmandade cultural entre Galicia e Asturias a través dos instrumentos de vento e percusión tradicionais. García de la Cuesta definiu o Anuario da Gaita como «un faro que ilumina desde Ourense a internacionalidade da gaita», salientando o seu papel na proxección exterior da cultura musical galega.
Como broche de ouro á presentación, o investigador ofreceu unha mostra-actuación de instrumentos tradicionais da Península Ibérica, combinando explicacións técnicas con demostracións sonoras de pezas históricas, moitas delas en perigo de desaparición e recuperadas grazas ao seu intenso labor de investigación de campo.
Un contido de excelencia
O Anuario da Gaita nº 39 recolle, entre outros contidos de gran interese, investigacións sobre a gaita en Romanía a cargo de Fritz Schneider; crónicas do XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas; unha homenaxe aos 40 anos da Escola e Real Banda de Gaitas ao servizo da provincia de Ourense; así como recensións de novidades editoriais e audiovisuais do ámbito da música tradicional correspondentes ao ano 2024.
Con esta nova edición, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa defensa, estudo e proxección da música tradicional, consolidando o Anuario da Gaita como unha ferramenta fundamental para preservar o legado sonoro de Galicia e transmitilo ás futuras xeracións.