jueves. 28.03.2024
deputacion gdr
A Deputación integrase como socio en todos os GDR de Ourense

A Deputación de Ourense integrarase como socia en cada unha das asembleas dos seis Grupos de Desenvolvemento Rural —GDR— existentes na provincia, achegando a capacidade técnica e xurídica dos seus servizos, así como tamén abrindo unha liña de colaboración económica para contribuír á realización dos proxectos que levan a cabo por todo o territorio.

A iniciativa partiu dunha proposta trasladada polos GDR á Deputación, referendada posteriormente no debate sobre o estado da provincia, no que aprobouse esta colaboración para impulsar diferentes vías de colaboración cos seis GDR da provincia de Ourense. 

Así, e xunto cos servizos técnicos e xurídicos que se porán a disposición destas entidades, a Deputación "realizará unha primeira achega económica que este ano será de, aló menos, 10.000 euros, que se aprobarán na modificación de crédito prevista para o pleno do mes de abril".

A proposta de colaboración dos GDR á Deputación avanza futuras liñas de traballo coma a promoción dos produtos de calidade agrarios e artesáns da provincia, o traballo conxunto na promoción turística da provincia ou a colaboración co Inorde. 

Grupos de xestión de fondos europeos para o medio rural

Os GDR teñen como principal función xestionar fondos europeos para desenvolver programas de dinamización local, contando para este fin coa colaboración de organismos públicos e colectivos de representación empresarial, social e veciñal nos territorios que abarca cada grupo.

Están dotados cun equipo técnico —xerencia, técnicos e administrativos—, ademais de órganos decisorios como unha asemblea xeral, xunta directiva ou equivalentes. Cada un dos grupos elabora una estratexia de desenvolvemento para o seu territorio, dentro dos criterios establecidos no Plan Leader da Unión Europea.

Este programa ten como obxectivos axudar ás pemes agrícolas no medio rural a mellorar a súa produtividade e competitividade, financiar novas iniciativas económicas e medioambientais e formar á poboación en labores específicas e sostibles.

A Deputación integrase como socio en todos os GDR de Ourense