domingo. 08.06.2025

Denuncian que a precariedade pon en xaque as casas niño

O Grupo Provincial Socialista levará unha iniciativa á Deputación de Ourense para demandar á Xunta de Galicia un maior compromiso coa viabilidade e estabilidade das casas niño, un servizo clave para a conciliación e a fixación de poboación no rural
somoscomarca_manzaneda_casaniño_iria (1)

O voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, destacou a precariedade das persoas que traballan nestes centros, ás que cualificou de «falsas autónomas» sobre as que recae todo o peso do servizo sen ter ningún vínculo contractual coa administración autonómica. «O monto asignado anualmente pola Xunta, ao que hai que detraer impostos, apenas cubre os custos operativos e gastos cotiáns, ameazando a continuidade dun servizo esencial no noso rural», advertiu Vila durante unha visita á casa niño A Parruliña, en Lugar de Outeiro (Taboadela).

As casas niño son un modelo de atención a menores de 0 a 3 anos en municipios rurais onde non resulta viable contar con escolas infantís convencionais. Funcionan a través de profesionais autónomos e cada unidade pode atender un máximo de cinco nenos. Actualmente, a Consellería de Política Social e Igualdade financia este servizo cunha subvención anual duns 29.000 euros brutos por centro, unha contía que, segundo os socialistas, resulta insuficiente para garantir a súa estabilidade.

«As casas niño enfrontan unha situación crítica porque, ademais de non contar cunha relación contractual coa Xunta, se teñen que pechar non teñen ningunha cobertura social nin posibilidade de acreditar a súa experiencia para optar a outros postos de traballo», explicou Vila.

Na provincia de Ourense existen na actualidade 48 casas niño en funcionamento, con capacidade para acoller ata 240 menores, o que a converte no territorio galego con maior implantación deste modelo, xa que concentra arredor do 50% das instalacións operativas.

O Grupo Provincial Socialista solicita que a Deputación de Ourense inste á Xunta a adoptar medidas urxentes para mellorar as condicións laborais das profesionais das casas niño, así como das casas do maior, recoñecéndoas como traballadoras e garantindo a continuidade dun servizo que consideran esencial para o desenvolvemento do rural galego.

Denuncian que a precariedade pon en xaque as casas niño