viernes. 19.04.2024
portada-somoscomarca-mariaalbert-2023-03-22
portada-somoscomarca-mariaalbert-2023-03-22

O BNG reclamou ao Goberno do PP no Pleno do Parlamento a "retirada inmediata dos cascallos e a limpeza das edificacións e dos montes privados e soutos afectados" polos incendios de xullo de 2022 que non puideron acollerse ás axudas da Xunta "por mor do seu deseño, alleo ás condicións de moitas galegas e galegos habitantes no interior de Galizae".

"Debe estar presente o obxectivo de recuperar o territorio afectado e poñelo en valor co fin de evitar o seu abandono definitivo", reclamou a portavoz de Montes, María González Albert, que lembrou aos Populares o aviso que o BNG "dende o primeiro momento" fixera sobre unhas axudas "ás que moitas comunidades afectadas non ían poder acollerse ás axudas por mor dos requisitos".

"Pasaron oito meses destes incendios", criticou a parlamentaria ourensá, ensinando á Cámara fotografías dos núcleos de poboación a día de hoxe calcinados. Unhas imaxes fronte as que demandou ao Goberno do PP "axustarse á realidade do territorio, se de verdade querían reparar os territorios afectados merecía unha rectificación", uns Populares, "que optaron pola propaganda en lugar de apostar por medidas que atenderan á realidade do territorio".

Unha poboación "que xa nin sequera pide rexeneración dos seus terreos, pide que "polo menos" lles retiren os cascallos porque levan xa oito meses sen solucións", recriminou a deputada do Bloque, que puxo o foco na situación "de Valdeorras ou do Caurel para ver como a maioría de árbores queimadas continúan no monte. Unha grande parte dos núcleos que arderon continúan coas vivendas queimadas e os cascallos", declarou.

González Albert aludiu a un dos requisitos das axudas da Xunta que excluíu a unha grande parte das persoas solicitantes, "que era ter unha explotación forestal dada de alta, situación que non se da maiormente en sitios como a provincia de Ourense, por exemplo", algo que amosa como o Executivo do PP é "descoñecedor" da realidade de provincias como a ourensá, porque "moitos deses territorios queimados non pertencen a unha única persoa, é unha realidade que coñecemos ben as xentes do interior de Galicia", informou, xa que a maior parte desas propiedades "non está ao nome dos e das titulares reais".

Fronte esta inacción, o BNG demandou da Xunta que, "se ten interese pola recuperación do territorio debera preocuparse pola recuperación pero tamén pola resiliencia do territorio", exerza a súa capacidade "de arbitrar e establecer mecanismos que non están na man dos particulares". A deputada nacionalista por Ourense concluíu que "Galiza precisa dun goberno que valore o seu territorio e lles ofreza solucións", demanda que se atopou co voto negativo do PP, que segue sen responder, tras oito meses, ás demandas da veciñanza galega do rural afectado polos lumes de 2022.

O BNG urxe á Xunta a retirar os "cascallos e restos" dos lumes de 2022