O BNG reclama actuacións urxentes para evitar que as cinzas dos incendios sigan contaminando os ríos galegos

O BNG reclama actuacións urxentes para evitar que as cinzas dos incendios sigan contaminando os ríos galegos
Carme da Silva pide coordinación entre Xunta, Estado e concellos para frear o impacto ambiental e garantir o abastecemento de auga segura nas zonas afectadas polos lumes

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas no Senado para esixir ao Goberno do Estado medidas inmediatas que freen o arrastre de cinzas e restos vexetais cara ás bacías dos ríos Miño e Sil, tras os grandes incendios forestais do verán. A nacionalista advirte que a situación é «de emerxencia ambiental e sanitaria» e que resulta inadmisible que «Xunta e Estado se pasen a pelota mentres as cinzas seguen baixando polos ríos».

Da Silva demanda coordinación real entre administracións e lembra que tanto a Xunta de Galicia como o Estado teñen competencias na materia. «Non abonda con recoñecer o problema; é preciso actuar xa. A veciñanza dos concellos ourensáns afectados ten dereito a unha auga limpa e segura, e as administracións teñen a obriga de garantirllo», subliña.

A senadora incide en que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) non pode «desentenderse dun problema que pon en risco o abastecemento humano e o equilibrio ecolóxico dos ríos». Por iso, o BNG solicita que se faga público un informe coas medidas postas en marcha até o momento para evitar o arrastre de cinzas, así como o investimento realizado e previsto, detallando partidas e proxectos executados.

Entre as actuacións reclamadas, o Bloque propón limpeza e estabilización urxente dos solos nas zonas máis afectadas polos lumes, atención ás denuncias dos concellos e medidas específicas que impidan a deterioración das captacións de auga potábel.

Finalmente, Carme da Silva insiste en que é imprescindible unha resposta conxunta entre todas as administracións implicadas, «especialmente na comarca de Valdeorras», para garantir eficacia, evitar duplicidades e actuar con planificación e medios ante un problema que afecta directamente á saúde das persoas e ao medio ambiente.