jueves. 11.08.2022

As axudas de 250€ do bono alugueiro mocidade poderanse pedir desde este venres

Estas subvencións, cun orzamento de 22,8 M€ para este ano e o que vén, beneficiarán como mínimo a ao redor de 3.800 mozos galegos

As axudas de 250€ do bono alugueiro mocidade poderanse pedir desde este venres

A Xunta de Galicia abrirá a partir deste venres, 1 de xullo, o prazo para poder solicitar as axudas de 250 euros ao mes do Bono de alugueiro mocidade, un programa que se convoca este ano por primeira vez e está dirixido a facilitar ao colectivo de entre 18 e 35 anos o pago da renda da súa vivenda habitual.

Así o explicou hoxe en Noia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que percorre diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará o seu departamento este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Neste sentido a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para animar aos asistentes a aproveitar o orzamento dispoñible e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios e incidindo, sobre todo, naqueles programas de especial interese para esta comarca.

Ao respecto, referiuse á inminente convocatoria do novo Bono alugueiro mocidade, que sairá publicado no DOG este xoves e se poderá solicitar a partir do día seguinte. Cun orzamento total de 22,8 millóns de euros a dividir entre este ano e 2023, a conselleira explicou que os inquilinos menores de 36 anos, con ingresos regulares e que non superen os 24.318,84 euros poderán acceder a unha axuda mensual de 250 euros —sempre que esta contía non supere o importe do arrendamento— durante un período de 2 anos.

Tras enmarcar esta nova medida, coa que se espera chegar a ao redor de 3.800 mozos galegos, no esforzo da Xunta por apoiar no pago da súa renda de alugueiro a determinados cidadáns, Ángeles Vázquez subliñou que no mes de xullo tamén se convocará o bono de alugueiro social, un programa dirixido aos colectivos máis vulnerables da Comunidade e grazas ao cal o Goberno galego seguirá asumindo o 100% do custo do arrendamento das persoas beneficiarias.

Ademais, por primeira vez, explicou que se prevé a posibilidade de incrementar nun 20% o importe máximo da renda de alugueiro, e polo tanto, do bono —ata chegar aos 660 euros mensuais— cando a unidade de convivencia estea composta por 5 ou máis persoas. Tamén se aplicará esta mesma porcentaxe se un dos membros da unidade familiar precisa dunha vivenda adaptada.

As axudas de 250€ do bono alugueiro mocidade poderanse pedir desde este venres