jueves. 28.03.2024

O documento asinado permitirá financiar investimentos para apoiar a modernización e a competitividade das empresas da zona

ABANCA segue achegándose ás necesidades de crédito do tecido empresarial de Ourense e, especificamente, da Comarca de Valdeorras. O banco firma un convenio de colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras —AEVA— que aposta polo crecemento dun dos focos de emprego e riqueza da provincia.

O convenio foi subscrito no Barco de Valdeorras pola presidenta de AEVA, Araceli Fernández, o director de zona de ABANCA en Ourense Este, Diego Daniel Fernández Borrajo, e o director da oficina de Abanca O Barco de Valdeorras, José Vicente García Méndez. Grazas a este convenio o banco pon a disposición das empresas do Barco de Valdeorras un plan de financiamento que responde de maneira integral ás súas necesidades.



O documento inclúe produtos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destes proxectos. Así, os empresarios desta comarca contarán con produtos especificamente deseñados, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.

A oferta financeira de ABANCA inclúe tamén solucións para as necesidades máis inmediatas e así poder adecuarse ás demandas da actividade diaria. O colectivo terá á súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, corfirming ou factoring segundo as súas necesidades. O convenio tamén reserva un espazo á internacionalización grazas ás liñas de comercio exterior e ao financiamento oficial a través de diversos programas do ICO e as SGR galegas.

Do mesmo xeito, os empresarios asociados poderán desfrutar das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, poñerá a súa disposición a banca electrónica, o Bróker Online ou ABANCA Pay. Tamén o servizo ‘Appúntame’, para xestionar de xeito sinxelo calquera tipo de cotas, domiciliacións ou subscricións tanto para eles como para seus clientes.

Esta non será a única facilidade que ás empresas poderán ofrecer aos seus clientes grazas a este convenio con ABANCA, xa que poderán facer uso de TPVs virtuais e físicos e dispor do Sistema Aplazos co que aumentar as súas vendas ao ofrecer a posibilidade de financiar compras de xeito sinxelo, rápido e económico.

AEVA e Abanca únense polo tecido empresarial de Valdeorras