jueves. 29.02.2024
somoscomarca_laruoolmo_divinapastora_martaguisela_Florencio_2022-10-17
A Xunta recoñoce a labor do IES Martaguisela no fomento do uso de lingua galega

A Xunta de Galicia acaba de resolver o programa de Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística correspondentes ao curso 2022/2023, coa selección de oito centros que destacan polas súas propostas innovadoras para o fomento do uso da lingua galega, sobre todo entre a mocidade.

Trátase dos colexios de Reboreda de Redondela, A Solaina de Narón e Plurilingüe Antonio Orza de Boqueixón, dos institutos Ricardo Carvalho Calero de Ferrol, Martaguisela do Barco de Valdeorras e Ramón Cabanillas de Cambados e do Centro Integrado de FP Rodolfo Ucha de Ferrol

A comisión de selección valorou especialmente os proxectos en función do seu interese educativo, da súa contribución ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade. Así mesmo, tivo en conta as propostas específicas de atención á diversidade e as medidas para fomentar os valores democráticos, en especial a igualdade, entre outros criterios.

Os cinco centros seleccionados como excelentes reciben unha dotación económica de 2.000 euros. Ademais, o profesorado implicado activamente no desenvolvemento de cada un dos proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. No caso do de Mención de Honra, os docentes participantes no proxecto reciben unha certificación de accésit.

O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é animar o profesorado a desenvolver accións que revertan positivamente na dinámica lingüística habitual do centro escolar e xeren melloras permanentes na práctica docente e na realidade do ensino.


 

A Xunta recoñoce a labor do IES Martaguisela no fomento do uso de lingua galega