A aciñeira de Covas, en Rubiá; o Teixedal de Casaio, en Carballeda de Valdeorras; o bidueiral de Xares, na Veiga; ou o Pai dos Rebolos, en Viana do Bolo, son algúns dos exemplos de árbores e formacións senlleiras que existen en Valdeorras e que forman parte do Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras. Os seus propietarios poden optar ás axudas da Xunta destinadas á conservación e mellora destes exemplares singulares.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este venres o Carballo de Mede, no concello de Xermade, para lembrar que xa está aberto o prazo de solicitude destas subvencións, dirixidas a garantir a preservación do patrimonio arbóreo máis singular de Galicia.
Durante a visita, a responsable autonómica explicou que estas axudas contan cun orzamento total de 90.000 euros, dos que 30.000 están destinados a concellos e agrupacións municipais e os 60.000 euros restantes a propietarios particulares con exemplares incluídos no catálogo oficial.
Neste sentido, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que, como novidade nesta convocatoria, se incorporou como criterio de valoración que o exemplar ou formación estea situado nalgún dos municipios que se viron afectados polos incendios forestais do pasado verán.
As subvencións poden cubrir ata o 100 % dos gastos subvencionables realizados ata o 15 de outubro de 2026, cun límite máximo de 8.000 euros no caso das formacións senlleiras e de 4.500 euros cando se trate dun único exemplar. Entre as actuacións financiables figuran traballos de poda e control da copa, tratamentos fitosanitarios, retirada de elementos prexudiciais, así como accións de divulgación e sinalización.
Segundo explicou a conselleira, o obxectivo destas axudas é contribuír á execución de actuacións que garantan o mantemento, a posta en valor e a protección de árbores e formacións que, polas súas características excepcionais —porte, idade, rareza, significación histórica ou cultural, ou interese científico, educativo ou paisaxístico—, son merecedoras dunha especial protección.
Desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático lembraron tamén que o Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización. Os propietarios poden propoñer a inclusión de novos exemplares ou formacións, que deberán ser avaliados pola Xunta antes da súa posible incorporación. Só aqueles elementos xa catalogados poden optar ás axudas de conservación.
Na actualidade, o catálogo inclúe un total de 205 elementos —157 exemplares e 48 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes en toda Galicia.


