viernes. 19.04.2024
somoscomarca_bomberos_fuego_lashuertas_local_camionbomberos_2022-02-07 (1)
O 112 Galicia colabora co Ministerio do Interior para probar o sistema ES-Alert

O xoves 27 de outubro, a Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior realizará unha proba do novo sistema de avisos á poboación, ES-Alert, coa colaboración do 112 Galicia no envío de mensaxes aos teléfonos móbiles dos cidadáns para ensaiar este procedemento.

Esta proba soamente se realizará en Galicia no concello ourensán de Maceda e nos limítrofes Baños de Molgas, Esgos e Vilar de Barrio. No caso de recibir a mensaxe non se debe facer nada especial, simplemente premer en “aceptar”. Trátase dun ensaio para verificar que o novo sistema de avisos á poboación funciona adecuadamente.

Este novo sistema, o ES-Alert, que se integra na Rede de Alerta Nacional, permite ás autoridades de Protección Civil enviar mensaxes de alerta xeneralizadas e inmediatas  aos teléfonos móbiles localizados nunha área afectada por unha emerxencia ou catástrofe. Nos casos reais, a mensaxe incluirá, con carácter xeral, información do risco provocado pola alerta, as súas consecuencias e accións que se deben realizar.

Ao recibir a mensaxe de ensaio emitida polo sistema ES-Alert, soará un asubío e activarase a vibración nos teléfonos móbiles, aínda que estean silenciados, bloqueados ou en modo ‘Non molestar’, e anunciará que se trata dunha proba do sistema de alertas de Protección Civil a través das redes de telefonía móbil. Tamén sinalará que non hai que facer nada extraordinario, simplemente premer en “aceptar”.

Trátase dunha proba para asegurar que o sistema funciona correctamente, non dunha emerxencia real, polo cal non haberá que chamar ao 112 Galicia. A partir do xoves, a recepción dunha mensaxe a través deste sistema si implicará seguir as indicacións e recomendacións emitidas nel polo 112 Galicia.

O 112 Galicia colabora co Ministerio do Interior para probar o sistema ES-Alert