Iago Ferrer pregoeiro da Festa das Covas

A Festa das Covas comezou co pregón de Iago Ferrer Feás, licenciado en Xeografía e Ordenación do Territorio. Ferrer fixo o seu traballo de fin de grao sobre as covas de Vilamartín.

 

 

Na praza de Concepción Arenal, epicentro da festa das covas «A Pequena», un Iago emocionado e nervoso comezou o discurso facendo referencia a súa infancia ligada as covas e de como os seus compañeiros de estudos o apoiaron. Tamén a importancia da súa avoa Carme e dos veciños que lle axudaron a documentar este proxecto.

 

 

«Ate o de agora non había ningún documento destas características», asegurou Iago. Nel analízase a estrutura das covas, en que terreo están feitas, cal foi a orixe histórica e o máis importante, buscar unha alternativa de aproveitamento para o futuro. O uso tradicional estase a perder. «A principal función era a elaboración e conservación do viño e outra a función social, a de xuntarse amigos e veciños para pasalo ben e botarse unhas risas» , sinalou Ferrer. Asegurou tamén cunha das causas da perda destes usos é a diminución de veciños.