Cantos e reivindicacións na «festa das mulleres» co motivo do 8-M
Vilamartín de Valdeorras reuniu a case que medio cento de mulleres e homes que se concentraron diante do Concello
A cor morado tinguiu a praza do Concello de Vilamartín onde se puideron ver dúas grandes pancartas: unha colgada no balcón que anunciaba tan sinalado día y outra collida polas mulleres presentes no acto, na que se lía: «Mulleres de Valdeorras, vivas, ceibes e iguais».
Iria López Müller da Asociación Feminista de Valdeorras foi a encargada de ler o manifesto no que se explicaba que o seu paro era para: «Denunciar o réxime capitalista e patriarcal que oprime e somete a metade da humanidade e explota a terra ata a súa extenuación».
Expuxo que se unían á folga feminista para reclamar unha igualdade real que cambie a vida das mulleres para sempre, baixo o lema, «por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista».
O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro e varios concelleiros do grupo de Goberno, así como, o da oposición e recentemente anunciado candidato a alcaldía polo PP José Pinto, estiveron presentes na convocatoria.
No manifesto, fíxose referencia as manadas que violan, e reivindicouse rematar co paro e precariedade laboral das mulleres así coma coa fenda salarial a explotación que supón a dobre xornada dentro e fora da casa ou o acoso no traballo. A educación baseada no respecto as mulleres e que esta sexa pública, laica, gratuíta, non sexista e inclusiva, foi outra das demandas.
Ao remate chamada a revolución feminista, a solidariedade entre as mulleres con cantos en versión feminista de «Bella ciao» o canto popular italiano das traballadoras dos arrozais, cuxa popularidade débese a que foi adoptado, con outra letra, polos partisanos.
Se queres ver o vídeo completo do Manifesto fai clic na seguinte ligazón: