Viana comezou a festa o sábado, como ven sendo tradicional, con fariña, disfraces e folións. O Domingo Gordo, 26 de febreiro, foi o día máis esperado. Ás 12.00 horas desfile de Fulións, boteiros e carrozas ata a Praza Maior. Ás 14.30, XLVII Festa da Androlla, con comida na carpa e pavillón. O menú estivo composto de: consomé, androlla, chourizo, lacón, grelos e patacas. De postre, bica, café e queimada, cun prezo de 17 euros. A tarde noite, un grupo musical encargouse do fin de festa na Praza Maior.
Pero o Entroido 2017 aínda non rematou. O Luns 27 é o día do Entroido Infantil en Viana do Bolo. Ás 16.00 horas haberá fulión infantil, xogos tradicionais, música, disfraces e chocolatada. E ás 20.00 horas, Fulión Trapalleiro.
O Martes de Entroido, terá lugar o desfile de Fulións ata Cabo da Vila, para rematar coa Sesión Vermú. Ás 16.00 horas Gran Fariñada e Fulións por toda a localidade. Ás 22.00 horas é o tempo da Cea de Fulións no pavillón e ás 00.00 horas, todos a ver a queima dos Lardeiros. Ademais, concurso de disfraces, discomóbil e baile.
O Mércores de Cinza, terá lugar, como non podía ser doutra maneira, o Enterro da Sardiña en Viana do Bolo, para despedir este Entroido 2017. Farase tamén un percorrido polas rúas ata o Cabo da Vila para rematar cunha gran sardiñada popular acompañada de torrexas.