miércoles 22/9/21
O Barco

A obra teatral "A Leituga" todo un éxito no Teatro Lauro Olmo

Non era difícil que o Teatro Lauro Olmo se enchese durante a noite do venres ao ter en cartel unha obra de teatro con grandes actores como foi "A Leituga".

Esta obra teatral dirixida por Victor Dupla -obra de César Sierra- conta no elenco de actores e actrices con grandes nomes como son Antonio Durán "Morris", Federico Pérez, María Vázquez, Mercedes Castro e Xosé Barato, nomes que xa teñen oco dende fai anos tanto no teatro coma no audiovisual galego e nacional.

A obra trata sobre cinco familiares. Tres irmáns e as parellas de dous deles quenes reúnense na casa da irmá maior para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en estado de coma dende hai nove anos. O que de primeiras semella unha sinxela celebración convértese nunha encarnizada poxa por ver quen se responsabiliza dos coidados do pai.

 

A Leituga aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento nas nosas vidas: que facer cos nosos pais cando se achegan á morte?

A través destes cinco personaxes, cos seus puntos de vista e as súas diferentes realidades, viaxaron xunto ao público polos vínculos, lealdades e deslealdades da familia, as parellas, os irmáns, os pais e os fillos. Os asuntos non resoltos, as contas pendentes.

 

O sacrificio e a culpa. O odio e o rancor. A moral e a ética. A esperanza e a aceptación. Os medos, as miserias, a procura da felicidade.

A decadencia da “familia”, a responsabilidade, a eutanasia, a felicidade, a vida e a morte foron os temas presentes na obra que arrincou máis dunha carcaxada ao público que encheu as bancadas do Teatro Lauro Olmo do Barco.

Comentarios
A obra teatral "A Leituga" todo un éxito no Teatro Lauro Olmo