sábado. 10.12.2022
CULTURA

Nace «Versión Valdeorras», un festival de cine online para animar o confinamento

Un grupo de cineastas valdeorreses xúntase para ofrecer películas en aberto durante este mes de confinamento, entre elas «Sempre Xonxa», «Pradolongo», «Santoalla», «O desafío do Sil» e «Fillos da Vide».

Tanto tempo na casa e claro, pasa o que pasa. Uns ordean armarios, outros albumes de fotos, e os do sector audiovisual revisan vellos discos duros. Foi así como Cristina de la Torre deu con proxectos de hai máis de dez anos que pensou que poderían cobrar novo sentido nestos días de confinamento. Documentais rodados en Valdeorras, como Apartado 12 e Espírito Abertal, merecían, para ela, unha segunda vida na rede.

«Cando os vín dinme conta de que son pelis moi interesantes polo momento no que se fixeron e o que representan como memoria recente da comarca». Así llo explicou a Domingo D. Docampo, quen propuxo subir máis títulos e facer un festival online: «Domingo ofreceuse a poñer durante un par de días a película que ten en distribución, O desafío do Sil, así que pensei que por que non o faciamos todos, fixen un listado, escribín a todo mundo e en vinte minutos xa estabamos oito directores e doce películas no allo». Iso foi o domingo, tres días despois a idea xa tiña programa, materiais e web.

Unha comarca de cine

A mostra inclúe tanto películas de ficción como documentais. As estreas comezan o xoves 9 de abril e rematan o sábado 25, aínda que posiblemente se amplíen os días. Apenas unhas horas despois de facer pública a iniciativa chegaron propostas doutros filmes que posiblemente acaben incorporados á programación: «O criterio é que sexan películas cunha parte rodada en Valdeorras pero podemos crear un apartado de realizadores de aquí que traballan fóra, como Luis Solarat e Rodrigo Marini».

Versión Valdeorras ten títulos de Ignacio Vilar, Domingo D. Docampo, Ana Domínguez, Xose González, Felipe Rodríguez, Cristina de la Torre, Daniel Merher, Andrew Becker e, por suposto, Chano Piñeiro. A idea de comezar o ciclo coa súa película, Sempre Xonxa, foi unha aposta clara de Ignacio Vilar. Ademais de ser a primeira película do cinema galego e cumprir trinta anos, rodouse en Valdeorras e para Vilar é en gran parte a responsable «de que hoxe fagamos cine en galego, narrando o que nos rodea cunha mirada e unha lingua propias».

Coloquio previo en Somos Comarca

Na web versionvaldeorras.com poden verse xa fotografías das rodaxes, os trailer dalgunhas películas e o calendario completo de estreas. Cada día ás 20.30 horas, directores e protagonistas das pezas farán un coloquio en vídeo que retransmitiremos en directo no Facebook de Somos Comarca (se os astros tecnolóxicos se alinean). Tralo coloquio, ás 21.00 horas, a película do día porase en aberto e poderá verse durante unha semana, excepto as máis recentes, que estarán dispoñibles 48 horas.

O obxectivo deste proxecto, segundo os promotores, é acompañar á xente e facilitar o reencontro con estas películas. Tamén queren poñer en valor o sector cultural e o que aporta á sociedade. De la Torre destaca que a actual alerta sanitaria non é o máis dificil economicamente, se non o que virá despois, xa que a maioría dos proxectos estamse cancelando incluso ata finais de ano. Por iso considera que iniciativas como esta poden ser un punto de partida: «Cando isto amaine teremos que axudarnos máis, ser constructivos, apoiarnos na comunidade e axudar a que todos os sectores sexan viables, o da cultura tamén».

Comentarios
Nace «Versión Valdeorras», un festival de cine online para animar o confinamento