Centos de libros enchen as casetas dispostas na praza Andrés de Prada de O Barco para conmemorar o Día do Libro nunha feira que ten como coprotagonista ao autor Valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.
O Barco comezaba coa celebración do Día do Libro o sábado pola mañá, cun obradoiro de escritura creativa para os máis pequenos, así como un concurso de microescritura para adultos, cuxo gañador recibirá un lote de libros. Ademais, os máis maiores da vila formaron parte dun contacontos para os nenos e nenas na ludoteca municipal.
Pero foi ás 16:30 horas cando se iniciaba a feira do libro barquense, na que participaban dúas librarías locais e unha de A Rúa, así como un xornal da vila, o Instituto de Estudos Valdeorreses, Vagalume, Ateneo Republicano e o Cine Club Groucho Marx.
Pasadas as sete e media da tarde daba comezo a presentación da exposición do doutor en Historia Contemporánea, Ricardo Gurriarán: “Florencio Delgado Gurriarán: Bebedeira de Ensoños”. O propio Ricardo presentou a exposición, contando brevemente a vida do poeta valdeorrés e explicando cada detalle da colección de obxectos e libros persoais do autor, así como a súa obra literaria. Estivo acompañado de Ángel Fernández, que mostrou tamén a súa colección privada de textos e cartas, facendo fincapé na figura do avogado José Gaioso, amigo persoal de Florencio que tivo especial relevancia na recompilación da súa obra.
No acto tamén estiveron o tenente alcalde, Aurentino Alonso e a concelleira de cultura, Margarida Pizcueta, que agradeceu a labor de Ricardo Gurriarán e Ángel Fernández, así como tamén recordou a importancia de unir forzas para que o Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán sexa unha realidade.
Hoxe, día oficial do Libro, a feira de O Barco continúa aberta en sesión de mañá e tarde, con escritores convidados que estarán firmando libros.
A música tamén estará presente nesta Feira do Libro -de novo cunha referencia a Florencio Delgado Gurriarán- nun concerto chamado O Son do Vento, que terá lugar o domingo ás 13:30 horas.
Entre todos aqueles que merquen libros durante estas dúas xornadas sortearanse varios lotes de libros e CDs cedidos polo concello.
Tamén o Concello de A Rúa conmemorou este día cun maratón de lectura adicado á obra cume de Miguel de Cervantes, "Don Quijote de la Mancha", onde cada participante escolleu para a lectura un exemplar diferente, dende cómic ata edicións especiais. Todos os que se uniron a este maratón recibiron un agasallo de parte do concello.
* Foto do Facebook da Biblioteca de A Rúa
Pola súa banda, no Concello de Trives será o vindeiro martes 25 de abril na Biblioteca Municipal cando celebren o Día do Libro. Farano cun contacontos, organizado polas traballadoras do centro, titulado "Aventuras dunha pinga de auga", dirixido a nenos e nenas de 0 a 8 anos.