A actriz de Neorretranca e Posmorriña destaca a capacidade da obra para «mover cerebros», espertar conciencias e rirnos de nós mesmos
O Centro Dramático Galego volveo ao Teatro Lauro Olmo do Barco na tarde do venres 31 de maio. A obra a interpretar, Neorretranca e Posmorriña, dirigida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de dez actrices, entre elas, Mercedes Castro. «Realmente foi unha experiencia, todas na obra somos mulleres, incluso a escenógrafa, a axudante de dirección, as vestiaristas, etc.», conta. A iso se engade que «o traballo con Gena foi exquisito, con dous meses de ensaios para que todo saia perfecto».
E así foi. O público valdeorrés xa se amosaba ávido de teatro tras o parón obrigatorio da cultura en pro do desenrollo da actividade electoral.
Neorretranca e Posmorriña xestouse a partires de dúas pezas dramáticas, con estilos completamente diferentes de facer teatro, que tiñan de fondo a identidade galega. E, «tanto a retranca coma a morriña son duas cousas moi galegas», explica Mercedes Castro. Para comunicarse co público, as dez actrices se serviron do xogo escénico, da linguaxe corporal, de movementos grupais, etc. «O uso do corpo é fundamental, polo que o adestramento foi duro, aínda que imprescindíbel», explica.
A obra representada no Teatro Lauro Olmo do Barco recolleu a representación de figuras emblemáticas do imaxinario galego coma Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, además de Mary Shelley, a autora de Frankestein, «para tentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia».
Mercedes Castro agarda que a obra «mova os cerebros dos espectadores» e esperte conciencias, e «tamén nos axude a vernos con perspectiva e rirnos de nós mesmos».
Se desexas escoitar a entrevista completa a Mercedes Castro, fai clic na seguinte ligazón: