O envellecemento da poboación xa está cambiando os hospitais. E Hospital Universitario de Ourense quere estar á cabeza desa transformación. O centro ourensán participa no proxecto europeo GENEUS, unha iniciativa pioneira que busca mellorar a atención neurocirúrxica das persoas maiores e adaptar os sistemas sanitarios á realidade demográfica que xa vive Galicia.
O proxecto reúne hospitais e centros de investigación de España, Francia e Portugal co obxectivo de crear un novo modelo asistencial pensado especificamente para pacientes maiores de 65 anos, cada vez máis numerosos e con necesidades médicas máis complexas.
E os datos de Ourense explican perfectamente por que esta iniciativa resulta tan importante. Máis da metade das persoas ingresadas no servizo de Neurocirurxía do CHUO durante 2025 superaban os 65 anos. De feito, os maiores de 80 xa representan máis do 13 % dos ingresos.
Para os profesionais sanitarios, a conclusión está clara, xa non abonda con aplicar aos pacientes maiores os mesmos protocolos pensados para persoas máis novas. «Estamos tratando pacientes máis fráxiles, con máis enfermidades asociadas e con necesidades completamente diferentes», explica a neurocirurxiá e investigadora Magda Garzón, unha das coordinadoras do proxecto.
A idea naceu nun encontro científico celebrado en Barcelona en 2023, cando distintos especialistas europeos coincidiron en que Europa necesita cambiar a forma de atender ás persoas maiores en Neurocirurxía. E Ourense apareceu rapidamente como un lugar clave para estudar esa realidade. «O perfil de pacientes que xa temos aquí é probablemente o que terá boa parte de Europa nas próximas décadas», sinala Garzón.
O proxecto contará con arredor de dous millóns de euros de financiamento europeo e desenvolverase ao longo de tres anos. Nunha primeira fase estudarase a evolución dos pacientes maiores antes, durante e despois da hospitalización.
Ourense xa incorporou ao primeiro paciente ao estudo europeo e terá ademais un papel protagonista nunha das fases máis importantes: a creación dunha especie de “caixa de ferramentas” para adaptar os hospitais ás necesidades das persoas maiores.
Entre as ideas que se están estudando figuran consultas multidisciplinares nas que varios especialistas valoren ao paciente no mesmo día, evitando desprazamentos, esperas e complicacións posteriores. «Non se trata só de operar mellor; hai que reorganizar a atención sanitaria», resume Garzón.
A responsable do servizo de Neurocirurxía do CHUO, Ana Pastor, destaca que Ourense é hoxe un reflexo avanzado do que vivirá boa parte de Europa nos próximos anos. «Queremos mellorar o itinerario asistencial do paciente maior de 65 anos durante o ingreso e tamén despois da alta», explica.
O proxecto GENEUS non só busca mellorar a Neurocirurxía. Tamén abre o debate sobre como deberán transformarse os hospitais, os recursos sanitarios e incluso a formación médica nunha sociedade cada vez máis envellecida.
Porque o futuro da sanidade europea, en boa medida, xa está pasando hoxe por Ourense.
