domingo. 28.05.2023
A Rúa

Fontei celebrou o San Andrés, a feira do ano

O 30 de novembro celebrouse en Fontei o día de San Andrés, con misa e procesión na honra do santo. Unha charanga acompañou ao santo, mentres nas rúas se celebraba a feira do ano

 

 

As 12:00 horas repicaban as campás anunciando a misa e posterior procesión polas rúas de Fontei. Saía a imaxe portada por homes desde o adro da igrexa pola rúa A Fonte, pasando polo barrio do Santo, onde se atopa a capela do mesmo nome e da que San Andrés foi copadrón, como nos contou Enrique Fernández Sotelo.

 

 

Baixada pola estreita rúa de Ramona Ojea, para deseguido tomar á da Cruz e logo a de San Andrés até desembocar na praza Enriqueta Casanova. Desde aí, e vendo xa a porta da igrexa os parroquiais enfilaron a rúa de Barreais para chegar de novo á igrexa onde se oficiou a misa.

 

 

Esta festa como nos dixo Sotelo, «é unha das máis antigas da Rúa, hai documentos que xa falan dela no século XVII». Y é que, Enrique é un grande estudoso das tradicións e da historia, sobre todo da que se refire ao seu Fontei natal.

 

 

San Andrés tamén é a data de celebración da feira do ano do municipio, aínda que hoxe non ten a mesma importancia que hai tempo. Segundo Sotelo, era unha feira de gando moi importante e poderíase comparar co San Martiño en Ourense, xa que era o pistoletazo de saída para as matanzas. «Os que non criaban cochos ían esta feira a mercalos», aclara Sotelo.

 

 

Tamén había baile que, se non chovía, era o aire libre e á noite trasladábase ao bar dos Dous Vellos —fronte o concello actual e antiga praza de abastos—.

 

Comentarios
Fontei celebrou o San Andrés, a feira do ano