martes. 23.04.2024
Actualidad

Nova oficina en Valdeorras da Asociación Agraria de Galicia

Está situada na

rúa Progreso da Rúa e nela poderase consultar calquera dúbida ou problema  que xurda nas explotacións gandeiras ou

agrícolas.

Esta tarde inaugurouse a nova sede da Asociación Agraria de Galicia —ASAGA—, en Valdeorras. No acto estiveron presentes o presidente da asociación, Francisco Bello; o líder do RUA, José Vicente Solarat e o presidente da Cooperativa Virxe das Viñas, Carlos Aristegui.



Todos os socios

da organización, así coma os agricultores, gandeiros e produtores forestais da comarca,

terán a súa disposición as instalacións e o persoal técnico desta organización.

«Poderase consultar calquera dúbida ou resolver os problemas que se lle

presenten na súa explotación», sinalan desde o ente agrario.

No transcurso do

acto inaugural o presidente da asociación, Francisco Bello, asegurou: «A nosa

nova sede na Rúa converterase nun lugar de referencia para os gandeiros e

agricultores da comarca».  «A nosa organización,

unha das máis importantes do sector agropecuario galego, potenciará a súa

presenza na comarca e no oriente ourensan coa apertura dunha nova sede; moito

máis grande, que contará cun completo equipamento técnico, e con persoal especializado

que ofrecerá un amplo catálogo de servizos aos agricultores, gandeiros e

silvicultores da zona», aclarou.



A Asociación

Agraria de Galicia é unha organización profesional que traballa por tódolos

homes e mulleres do rural galego. Dende a súa fundación, este colectivo,

ademais de colaborar coas distintas administracións públicas, adica o seu

esforzo diario a defender os intereses dos seus asociados, así como de todo o

medio rural, para mellorar a calidade de vida dos veciños das aldeas, pobos e

vilas de Galicia.

Francisco Bello informou aos asistente de que: «O persoal técnico da Asociación Agraria de Galicia en Valdeorras, apoiado polo completo equipo de profesionais que ASAGA ten en Galicia —enxeñeiros agrícolas e forestais, xuristas, economistas, etc—, ofrecerá solucións para calquera tipo de problemas que se poidan presentar aos profesionais do sector agropecuario. Axudará á tramitación de todo tipo de axudas e subvencións, e colaborará conxuntamente cos seus socios no desenvolvemento dun gran número de proxectos relacionados co medio rural».



A nova sede da

Asociación Agraria de Galicia en Valdeorras, atópase no número 74 da rúa

Progreso, na Rúa de Valdeorras.

Nova oficina en Valdeorras da Asociación Agraria de Galicia