sábado. 21.06.2025

A Biblioteca Municipal do Barco conta con novo mobiliario e luminarias

No Día da Biblioteca, Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura e Educación do Concello do Barco, informou da nova adquisición de mobiliario para a Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán, que consiste en 15 postos de lectura dobre para a zona de estudio e iluminación led en todo o local.

«Este ano solicitouse equipamento para a biblioteca. A demanda dos usuarios era crear unha sala de estudio para poder concentrarse máis, xa que cas mesas que tiñamos era difícil e complicado», subliñou Pizcueta. Para satisfacer esta demanda, ampliáronse as prazas de estudio —agora hai 30—, comprouse o mobiliario mencionado e cadeiras máis cómodas.

A subvención concedida pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia sufragou o 30% do gasto total. «Solicitamos un 49% e concedéusenos apenas o 30%. Como era unha petición dos usuarios, quíxose facer», aclarou a concelleira.

O pasado ano esta subvención empregouse na compra da cámara de cine para o Teatro Lauro Olmo.

Día da Biblioteca na Rúa

A Rúa celebrou hoxe o Día da Biblioteca con actividades especialmente pensadas para os máis pequenos. A obra de teatro A cabeza do dragón foi interpretada dentro das instalacións municipais para os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de primaria, unha adaptación ao galego para marionetas da obra de D. Ramón María del Valle-Inclán.

Onte martes día 23 foi o turno dos alumnos de infantil, que disfrutaron da interpretación da obra Chocolate, amenizada con música e danza, e mañá día 25, os protagonistas serán os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria, que poderán disfrutar da obra de teatro Gale, a historia da lingua.

Baixo o lema Ler conta moito, o Concello busca que «estas actividades inicien aos nenos no hábito da lectura e no hábito de visitar a biblioteca e levarse libros para casa», conta o alcalde, Luís Fernández Gudiña.

A Biblioteca Municipal do Barco conta con novo mobiliario e luminarias