Vilamartín actúa contra a erosión tras os incendios: «Non podemos quedar cos montes desérticos»

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, apela á urxencia de medidas preventivas contra a erosión, «loitamos contra o lume para salvar os pobos agora queremos salvar a terra»

O Concello de Vilamartín comezou a aplicar medidas urxentes para frear os efectos que os incendios forestais deste verán deixaron nos montes da zona. A falta de vexetación e a forte pendente das ladeiras aumentan o risco de escorrentías e arrastres de terra que poderían afectar ás aldeas e á conca do río Leira.

Un bando municipal facía público o pasado venres que se abrirá unha pista perimetral con cuneta arredor dos núcleos afectados, co obxectivo de canalizar a auga de choiva e evitar que esta chegue directamente ás vivendas. Esta medida pode afectar a fincas privadas, polo que se ofrece aos propietarios a posibilidade de poñerse en contacto co Concello para identificar as súas parcelas e aclarar posibles incidencias.

Os veciños e voluntarios seguen traballando arreo para limpando rúas e retirando o escombro

Primeiros traballos en San Vicente de Leira

Onte comezaron os labores en San Vicente de Leira, unha das aldeas máis afectadas polo lume, «ahora mesmo é o que máis preocupa, pero non quere dicir que non me preocupen os outros». E, é que o rexedor está moi inquedo polo que pode pasar no Mazo e a Rodeleira se chove e os arrastres van ao Leira.

O alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, explicou que se está a actuar en varias frontes: Apertura de pistas de derivación de augas para protexer o perímetro do pobo. «Unha empresa trouxo tres máquinas, una delas anda facendo limpieza con voluntarios para sacar as madeiras e siso e as outras dúas están a facer labores dunha pista pola parte alta coa intención de retirar as augas a un caldeirón fora da liña do pobo», explicaba.

Situación dunha das rúas onte, Aínda queda moito por facer

Tamén quere botar palla nos montes queimados, co fin de crear pequenas barreiras naturais que reteñan as cinzas e diminúan o arrastre de materiais cara ao río e colocar estacas e ramas para improvisar parapetos que faciliten a drenaxe e eviten que a erosión elimine a capa fértil do solo.

«Estamos adiantándonos porque nestes días agárdanse chuvias fortes, e se a auga baixa sen control pode causar moito dano», explicou o rexedor, que destacou a implicación dos veciños e de empresas locais que xa traballan na zona.

O risco para a conca do Leira

As aldeas arrasadas polo lume de San Vicente, Cernego e Robledo sitúanse augas arriba do río Leira, que despois atravesa O Mazo e A Rodeleira. A perda de cobertura vexetal nestas ladeiras supón un perigo engadido, xa que a auga pode baixar con gran forza arrastrando terra, cinzas e árbores queimados.

«O que nos preocupa é que a choiva se leve o pouco solo fértil que queda. Se iso ocorre, os montes poden quedar practicamente desérticos e, ademais, provocar problemas importantes augas abaixo», advertiu Álvarez Barreiro.

Necesidade de apoio técnico

Desde o Concello insisten en que, malia as medidas inmediatas, é imprescindible contar con especialistas que asesoren sobre como actuar de maneira eficaz e duradeira.

«O noso traballo é gañar tempo e poñer en marcha solucións rápidas, pero precisamos técnicos que avalíen a situación e nos indiquen os métodos máis axeitados para frear a erosión”, sinalou o alcalde.

Entre as posibles opcións, apuntou á colocación de barreiras naturais, á aplicación controlada de palla mediante helicóptero ou ao deseño de estruturas que reteñan a auga nos puntos críticos das ladeiras.

Colaboración entre administracións

Álvarez Barreiro expresou a súa esperanza de que tanto a Xunta como o Goberno central coordinen esforzos e ofrezan recursos técnicos e humanos. «O importante é que as administracións colaboren e poñan os medios necesarios para que o que xa sufrimos cos incendios non se converta nun problema maior coa chegada das choivas».

Mentres agarda resposta das institucións, o alcalde e os veciños seguen traballando para evitar que a chuvia arrastre o pouco que quedou tras o lume. «Salvamos o pobo do incendio e agora queremos salvar a terra. Se non actuamos, quedaremos sen nada», concluíu.