viernes. 06.06.2025

O vento derruba e racha o medallón de Florencio en Córgomo

O fortes refachos de vento desta madrugada levaron por diante un símbolo importante para Córgomo e para a memoria de Florencio Delgado Gurriarán: o medallón conmemorativo situado na estrada que leva á aldea natal do poeta. Esta obra, realizada polas empresas Esculpedra e Granival en 2022, con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio, daba a benvida a todos os que se achegaban a este recuncho de Valdeorras.

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, explicou como se creou o medallón e o motivo da súa instalación: «Cando foi das letras de Florencio, cando en Córgomo todo o pobo se volcou para deixar o pobo engalanado, entre outros houbo empresas que colaboraron neste tema, como Esculpedra e Granival». A parte deste medallón, estas dúas empresas fixeron tamén traballos na casa da Cruz, onde naceu Florencio. Alí estaba caído o arco, o escudo estaba en corenta cachos polo que «Subiuse o arco, arranxouse todo por dentro para deixalo o mellor posible, porque todo estaba colapsado. Xa nin se podía entrar na cova».

A colaboración destas empresas permitiu non só restaurar elementos históricos da aldea, senón tamén instalar sinais conmemorativas e nomes de rúas en lousa de pizarra, dando unha nova imaxe a Córgomo. Entre esas intervencións estaba o medallón dedicado a Florencio, unha peza de gran tamaño que, segundo o alcalde, levou moito traballo realizar:

«Este medallón era importante porque tiña unhas dimensións moi grandes e custou bastante traballo facelo. Hai un mes ou un mes e pico notamos que tiña unha fenda, pero parecía estable e non lle demos demasiada importancia. Pero hoxe, con Martiño —este temporal que está facendo das súas— o medallón cedeu e caeu.»

O vento, que tamén causou estragos noutras zonas da comarca, foi o responsable de que esta peza simbólica acabase no chan. Agora, o Concello estuda se será posible restauralo ou se haberá que encargarlle á empresa unha nova réplica.

«É unha mágoa. Non sei se seremos capaces de volver a poñelo no seu sitio porque é complicado, pero, se non, trataremos de que a empresa volva facelo, porque xa se convertera nun emblema».

A caída do medallón é unha perda para Córgomo, pero a vontade de manter viva a memoria de Florencio Delgado Gurriarán segue en pé. O tempo dirá se o medallón volve ocupar o seu lugar de honra á entrada da aldea que viu nacer ao poeta.

O vento derruba e racha o medallón de Florencio en Córgomo