O Folión dos Viticultores leva o Entroido a San Vicente de Leira
Un xesto de apoio e visibilidade a San Vicente de Leira, levando música e tradición a un pobo marcado aínda polas consecuencias do incendio
O Folión dos Viticultores fixo este este domingo a segunda das súas saídas previas ao Entroido en San Vicente de Leira, nun xesto cargado de simbolismo e apoio a un pobo que aínda hoxe segue a recuperar o alento tras a devastación provocada polo lume do pasado mes de agosto.
Os veciños recibiron aos Viticultores na Casa do Pobo, ataviados con disfraces e cun ambiente festivo que contrastou coa dura realidade que marcou os últimos meses na localidade.
O folión percorreu as rúas facendo soar bombos e aixadas, o sinal de identidade dun toque inconfundible que encheu o pobo de ruído, vida e Entroido. Un sentimento encontrado para algún dos compoñentes dos viticultures que ía por primeira vez o lugar xa que «entre a troula estaba a destrución». dicía un deles.
Despois de percorrer os dous barrios co seus son Os Viticultores foron invitados a unha merenda no local social situado nas antiguas escolas. Empanadas, entremeses, pinchos e para rematar un chocolate quentiño con doces e bica.
Con esta saída, o Folión dos Viticultores quixo apoiar e dar visibilidade a San Vicente de Leira, levando alegría, música e tradición a un lugar que continúa a arrastrar as consecuencias dun incendio que deixou fonda pegada no territorio e na veciñanza.
Un comezo de Entroido que vai máis alá da festa e que demostra, unha vez máis, que o folión tamén é memoria, solidariedade e comunidade.