A Festa das Covas de Vilamartín, onde o viño se bebe con acento

somoscomarca_20250802_vilamartin_festadascovas (63)

O viño, a amizade e a diversidade foron os ingredientes principais da XXVII edición da Festa das Covas de Vilamartín, que este sábado encheu de vida as rúas da cima do pueblo: a do Caño, Justino Fernández ou Os Barreiros.

Rúa Justino Fernández ateigada de xente

Un evento xa consolidado no calendario estival do Valdeorras que combina tradición, gastronomía e bo humor arredor dun espazo único, as covas.

A partir das oito da tarde, unha longa ringleira de xente, que por momentos chegaba casi ata a igrexa, preparábase para vivir unha noite diferente. Percorrendo rúas e pendentes, os asistentes deixábanse guiar pola música e os aromas que saían das covas, esas construcións escavadas na terra —con caño, cubo e respiradoiro— que gardan o viño durante o ano e o manteñen fresco no verán.

Agardando a quenda

Este ano, ademais do acento galego, tamén se escoitou —e moito— o asturiano. Xente chegada de Xixón, Avilés, Oviedo e outros puntos de Asturias sumouse á festa. Tamén se sumaron de Santiago, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Mos, Bembibre, Ponferrada, León...., incluso de Cuba, a República Dominicana e mesmo dos Estados Unidos facendo evidente que a cita traspasa fronteiras e suma cada vez máis devotos desta festa do viño valdeorrés e do ambiente festivo.

Un americano serve o viño nunha cova na que estaban vestidas de sevillanas

En canto á comida, os pinchos foron sinxelos pero sabrosos: lacón, salchichón, queixo, chourizo, empanadas de carne ou de bacallau… aínda que cada cova lle puxo o seu toque persoal, ofrecendo pequenas sorpresas aos visitantes. A autenticidade estaba na diversidade.

Estes asturianos simpáticos traían nas cabezas, mellor dito nos sombreiros, o viño 

As entradas non chegaron a esgotarse, pero iso non impediu que os que acudiron desfrutaran dunha noite máxica. Risas, brindes e cantigas mesturáronse entre covas e viño novo.

Ah!, e un detalle curioso desta edición: as rúas tinguiron de laranxa, cos panos que lucían en bonecas, pescozos e ata na presilla do pantalón deron cor á festa.

A Asociación de Coveiros de Vilamartín agradece o saber estar da xente e que non se producise ningún incidente reseñable, pero tamén dan un pequeno tirón de orellas á comarca e a súa contorna xa que o 95% dos asistentes eran de fora, e aínda que isto está moi ben «bótase en falta a xente de aquí».

Vilamartín demostrou, unha vez máis, que hai festas que non precisan grandes escenarios nin artificios: abondan unha copa de viño, boa compañía... e unha cova.

Paco Quintas, sempre un grande anfitrión, servindo a unha noiva que casa nuns días para que poida cumprir unha promesa