As danzas e os ritmos ancestrais chegan a Viana do Bolo

A Praza Maior de Viana do Bolo vibrou co colorido espectáculo das danzas de Panamá, Senegal e México

Entrimo e Viana do Bolo foron onte o epicentro das Xornadas de Folclore, o evento cultural máis importante da provincia ourensá do mes de agosto, organizado pola  Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

Praza Maior de Viana antes do comezo das actuacións

Na Praza Maior de Viana do Bolo o protagonismo recaeu en Panamá, Senegal e México. Os primeiros foron os danzantes e músicos panameños da Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas, grupo  creado en 1995 na provincia de Colón.

O seu principal obxectivo é a divulgación das danzas folclóricas, con propostas creativas, pero sen perder a esencia da tradición. Co seu traballo buscan contribuír na salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial do Panamá e a súa transferencia de xeración en xeración.

A nivel internacional ten representado a Panamá en máis de 19 países, tanto de América como de Europa, sendo membro do CIOFF Panamá dende hai 13 anos. Seguidamente actuarán o Ballet Jammu de Senegal e o festival finalizará coas danzas do Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, México.

Hoxe, 16 de agosto:  A Rúa e Allariz

A XXXIX edición das Xornadas de Folclore continúa o seu percorrido pola provincia, con parada nas vilas de A Rúa e Allariz.

As agrupacións de Panamá, Senegal e México actuarán no Parque do Aguillón, A Rúa, ás 22,30 horas.

O campo da Barreira en Allariz recibirá aos músicos e danzantes chegados dende Colombia, Taiwán e Serbia, a partir das 22,30 horas.