O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao BNG a recapacitar e negociar un goberno de coalición

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao BNG a recapacitar e negociar un goberno de coalición
O BNG de Viana do Bolo solicita ao PSOE que fixe unha data: «Si realmente agora hai vontade por parte do PSOE de chegar a un acordo, non ten máis que por dia e hora para a negociación»

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo fixo un chamamento ao BNG local para que recapacite e se sente a negociar, co obxectivo de poñer fin ao «desgoberno» que vive o municipio baixo o actual mandato do Partido Popular. Os socialistas consideran que as urnas falaron «alto e claro», deixando aberta a posibilidade de formar un goberno de «coalición e progreso», algo que, segundo denuncian, «a falla de diálogo e consenso dos nacionalistas impediu ata o momento».

Durante o pleno celebrado, o grupo municipal socialista quixo deixar clara a súa postura, lembrando que «grazas aos votos da veciñanza, que non foron en balde, mantivemos ata tres reunións co grupo municipal do BNG». Nestes encontros, o PSdeG-PSOE propuxo «a creación dun goberno de coalición, co reparto das diferentes concellerías e cunha alcaldía rotatoria». Engadiron tamén que «en dúas lexislaturas anteriores facilitámoslles o acceso á alcaldía sen recibir nada a cambio, pero agora estamos en igualdade de condicións, xa que ambas formacións contamos con tres concelleiros. O lóxico sería repartir áreas e a alcaldía de forma equitativa».

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, destacou que o BNG «debe recapacitar, deixar de mirarse o embigo e abandonar as súas ansias de controlar a cadeira de mando». Subliñou que «o importante é Viana, a súa veciñanza, e poñer fin ao desgoberno e á inacción do Partido Popular». García-Ávila insistiu en que «se ao BNG lle interesa realmente o benestar e o progreso de Viana, este é o momento de sentarse, dialogar e consensuar un goberno de coalición cun reparto xusto das concellerías e unha alcaldía rotatoria».

O voceiro socialista tamén denunciou que «se hoxe en día Viana do Bolo non ten un goberno de coalición entre PSdeG-PSOE e BNG é porque os nacionalistas non son razoables e queren todo o poder para eles». Sinalou, ademais, que «nós estamos dispostos a asinar unha moción de censura, como demostramos en numerosas ocasións, e buscamos todo tipo de solucións para un cogoberno, pero o BNG só quere gobernar en solitario a calquera prezo».

Dende o PSOE vianés cren que «Viana precisa un cambio de goberno, e a pelota está agora no tellado do BNG. Eles deben optar polo diálogo e o consenso, esquecendo a súa postura de querer todo para eles». Insisten en que «a veciñanza debe estar por riba das siglas, xa que o desgoberno actual do Partido Popular está causando serios problemas na vila».

No pleno municipal, as e os socialistas aproveitaron para reiterar a súa disposición a pactar un goberno, en resposta a unha apelación do alcalde ao PSOE para levar a cabo a moción de censura, tras a incapacidade do rexedor para aprobar as súas iniciativas.

«O pleno de onte demostrou unha vez máis que o PP non é quen de dirixir o consistorio», afirmou Germán García-Ávila, quen tamén destacou que «o goberno local non ten proxecto e arrastra déficits dun ano para outro». Durante a sesión, o goberno municipal presentou un incremento de numerosas taxas, que os socialistas cualificaron como «excesivas», así como unha modificación extraxudicial de crédito para pagar facturas de 2024, algo que xa fixeran no pasado ano para cubrir débedas de 2023.

Candidatura do BNG de Viana

O BNG solicita ao PSOE que fixe unha data para negociar unha saída ao goberno actual

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Viana do Bolo insta ao Partido Socialista (PSOE) a «ser serios» e «deixar de enredar» na situación de crise e desgoberno que vive o concello. Segundo o BNG, «se o PSOE quere dialogar e tentar chegar a un acordo, deben poñerse en contacto» para buscar unha «alternativa de goberno crible» que resolva o caos actual.

A asemblea local do BNG lembrou que o PSOE non aceptou no ano 2023 a proposta para formar maiorías alternativas ao PP, a pesar dos compromisos asinados entre ambas forzas políticas a nivel nacional. Agora, sinalaron, «se realmente hai vontade de negociar, o PSOE non ten máis que propoñer día e hora para unha reunión».

Así mesmo, o BNG desmentiu as recentes declaracións do portavoz socialista, quen acusou aos nacionalistas de falta de vontade política. Desde o BNG aseguraron que a veciñanza expresou «alto e claro» nas eleccións que son a «principal forza alternativa ao PP».

Por último, instaron ao PSOE a «deixar de explicar unha visión paralela e irreal» e a traballar para lograr un goberno efectivo que poña fin á situación caótica que vive o concello.