O Parlamento Galego urxe á Xunta a contratación das obras de mellora na OU-533

O Parlamento Galego urxe á Xunta a contratar as obras de mellora na OU-533.
Aprobouse unha proposición non de lei logo dunha transacción entre o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego. O Partido Socialista inclúe na petición ao ente autonómico «que se leve a cabo a circunvalación de Viana»

Segundo un comunicado remitido polo Partido Popular, o Parlamento de Galicia aprobou onte xoves 11 de xullo unha proposición non de lei —logo dunha transacción entre o PP e o BNG— «a través da que se insta á Xunta a iniciar na maior brevidade posible o proceso de contratación das obras no tramo da estrada OU-533 entre Viana do Bolo e A Gudiña e se inclúa unha partida orzamentaria específica nos orzamentos do 2025».

O voceiro popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, explicou en dita sesión que «a Xunta xa ten elaborado un estudo previo para determinar as necesidades de mellora da estrada OU-533, analizando as necesidades de acondicionamento deste viario ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos».

En concreto este estudo dividiu a estrada en catro sectores: conexión coa N-525, desde o quilómetro 0 ao 1; treito de A Gudiña a Viana do Bolo, desde o quilómetro 1 ao 15; a travesía de Viana do Bolo, entre o quilómetro 15 e o 22,5; e o tramo entre Viana do Bolo e A Rúa, desde o quilómetro 22,5 ao 50.

Roberto Rodríguez manifestou que o investimento estimado para esta actuación superará os 15 millóns de euros e a previsión é ter redactado este proxecto «a finais deste ano 2024, co fin de iniciar as obras unha vez estea supervisado a información pública».

Sae adiante a proposición presentada polo BNG 

O Bloque Nacionalista Galego remitiu outro comunicado de prensa tras a sesión parlamentaria no que asegura «arrincar o compromiso ao PP para que a estrada OU-533 entre A Gudiña e A Rúa se arranxe na maior brevidade posible, despois do acordo impulsado polo deputado Secundino Fernández e que obriga á Xunta a incluír unha partida específica nos orzamentos de 2025 para a execución das obras».

Segundo os nacionalistas, na iniciativa que o deputado ourensán defendeu  na comisión 2ª, «reclamábase que o proceso de contratación das obras se fixese antes de que rematase o 2024 pero o PP pediu substituír 'antes de 2024', por 'na maior brevidade posible'».

Fernández referiu ademais que o BNG se interesou «numerosas veces polo seu arranxo e mellora» e que a Xunta de Galicia anunciou en época preelectoral que «no primeiro semestre do ano 2024 se encargaría a redacción do proxecto dos arranxos do tramo A Gudiña -Viana do Bolo. Aínda non se sabe nada de dito encargo».

O deputado nacionalista advertiu que «estamos ante unha estrada con abundantes curvas, o que lle confire unha especial perigosidade, á vista do importante número de accidentes que houbo ao longo do seu trazado. É aínda máis importante no tramo duns 20 km entre A Gudiña e Viana do Bolo».

«Pedimos que se leve a cabo a circunvalación de Viana»

Pola banda do Partido Socialista avogan pola mellora da OU-533 que une A Gudiña e A Rúa e instan ao goberno galego «a que se leve a cabo unha circunvalación que alivie ao municipio de Viana do Bolo do tráfico pesado que soporta». Consideran os socialistas así «primordial a execución desta variante». 

Deste xeito a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta presentou no Parlamento unha emenda a unha proposición non de lei presentada polo BNG en relación á mellora da devandita estrada. A parlamentaria instou a incluír no proxecto de mellora «a execución desta circunvalación clave para o municipio». 

Dacosta refería onte que se está a falar «da única vía de conexión entre as comarcas de Valdeorras, O Bolo e Viana, así como o único acceso a Pena Trevinca e o enlace principal con Portugal da comarca de Valdeorras». A deputada socialista explicou que levan «anos instando á Xunta a remodelación desta estrada, pero ata o de agora nada se fixo». 

Indicaba ademais que na actualidade, no tramo entre A Gudiña e Viana «só se pode adiantar en 990 metros dos 16 quilómetros que ten o tramo e entre Viana e A Rúa hai habilitados 3,90 quilómetros de adiantamento dos 34,77 totais». Avogan así pola creación de «novos carrís de adiantamento que permitan non só reducir os tempos de viaxe, senón mellorar a seguridade viaria».