«O noso Entroido para realmente sentilo, hai que vir aquí»

somoscomarca_2025_jorgeminas (1)
Jorge Minas fala do Entrudio de Viana do Bolo: «O Entrudio é de todos»

Jorge Domínguez, máis coñecido como Jorge Minas, leva o alcume con orgullo. «Todo o mundo me chama Minas», di, lembrando ao seu pai, Gerónimo, quen tamén era coñecido por ese nome. Este vianés é unha figura clave no Entrudio de Viana do Bolo, unha festa que considera parte da súa identidade e que defende con paixón.

Un cartel con sentimento

A recente presentación do cartel gañador do concurso deste ano foi motivo de celebración. Minas destaca a importancia de que se presente xente de fóra, pero tamén se sinte orgulloso de que o autor deste ano, David, sexa de Viana. «É un rapaz que se viste de boteiro, que participa na comparsa intensamente e na banda de gaitas. Para min, como vianés e como parte organizativa do Entrudio, é un orgullo», afirma.

O Entrudio como punto de encontro

Sobre a organización da festa, Minas ten claro que o fundamental é que a xente saia á rúa e desfrute. «O Entrudio é para divertirse, para pasalo ben», explica. Segundo el, non fai falta unha organización complexa, senón garantir que nas datas sinaladas os desfiles, o Fulión e a fariña sexan protagonistas.

A súa única petición para quen vén de fóra é respecto: «Que aprendan a participar e que entendan que o noso Entrudio é rural, ancestral, e que se debe respectar». Minas considera que o evento está ben estruturado, pero que sempre se pode mellorar a convivencia entre visitantes e locais para manter a esencia da festa.

Unha tradición viva e interxeracional

O Entrudio de Viana do Bolo non é só unha festa, é unha herdanza. E para que sobreviva, cómpre transmitila. Minas pon como exemplo aos nenos do CEIP Bibei: «Durante as datas do Entrudio, os nenos non xogan ao fútbol nin ao baloncesto, están tocando un Fulión. Iso garante o noso futuro».

A implicación da mocidade e a transmisión xeracional son fundamentais. «O que temos que intentar é conservalo como é, convivindo coa evolución pero respectando o establecido», reflexiona. Para el, o Entrudio hai que vivilo en primeira persoa, porque é unha festa aberta a todos: «Se queres tocar o Fulión, préstanche un bombo ou unha aixada; se queres vestirte de boteiro, buscamos un traxe para que desfrutes da nosa festa».

Un aspecto clave do Entrudio de Viana é a inclusión: «Sempre foi unha festa na que as mulleres participaron, poden tocar o Fulión, vestirse de boteiro… Aquí todo o mundo ten cabida, sexa cal sexa a súa idade, clase social ou xénero».

O ciclo festivo

O Entrudio segue un ciclo festivo ben definido, que comeza o 15 de febreiro co Folión Feminino e continúa con xoves de compadres, xoves de comadres, os sábados de comparsa, o Domingo Gordo co desfile oficial, e culmina o martes de Entrudio coa queima dos lardeiros. «O calendario cóntase rápido, pero hai que vivilo, porque é intenso», di Minas.

Para rematar, lanza un convite aberto: «Aquí non se lle pechan as portas a ninguén. Queremos xente que veña a vivir o Entrudio, a desfrutalo e a traer movemento económico á comarca. Todo o mundo é benvido mentres respecte a nosa tradición».

O Entrudio de Viana do Bolo é moito máis que unha festa. É unha celebración da identidade, da comunidade e da continuidade dunha tradición secular. Para Jorge Minas, é unha paixón que se leva no corazón.